O Concello de Ourense quere cobrar 7 euros por usar a piscina das Burgas

O goberno municipal de Ourense aprobou hoxe en Xunta de Goberno o proxecto de ordenanza que regulará o uso e as tarifas públicas da piscina termal das Burgas. Unha medida coa que, segundo xustifica o executivo municipal, se busca garantir a calidade do servizo e a sustentabilidade económica do espazo, que podería reabrir as súas portas ao público nun prazo estimado de dous a tres meses.
A ordenanza contempla un sistema de pago que incluirá unha entrada ordinaria de 7 euros para maiores de 15 anos, con acceso durante dúas horas ao día, e un abono mensual de 25 euros que permitirá o uso diario polo mesmo tempo. Os menores de 15 anos poderán acceder gratuitamente, sempre acompañados por un adulto.
Agora, o Concello enviará o borrador aos grupos políticos municipais, que disporán de 10 días para presentar posibles emendas antes de que o texto sexa sometido a aprobación inicial no Pleno municipal.
Desde o goberno local argumentan que a gratuidade anterior presentaba “moitísimas deficiencias” e non garantía, segundo o executivo de Pérez Jácome, un funcionamento óptimo. Segundo o Concello, con esta medida “asegurarase a disposición de recursos suficientes para garantir unha prestación de calidade, así como racionalizar a súa utilización”. Ademais, xustifican que “ao tratarse dun servizo que non atende unha necesidade básica, é moito máis xusto que as persoas que utilicen as instalacións paguen unha tarifa que contribúa a compensar os custos e garantir a súa viabilidade”.
A normativa tamén contempla a posibilidade de aplicar bonificacións para determinados colectivos sociais, mediante acordo da Comisión de Pleno. Ademais, establece un límite máximo de dúas horas diarias por usuario para favorecer a rotación e garantir un uso saudable da piscina.
En caso de incumprimento das normas, a ordenanza inclúe un réxime sancionador que contempla desde multas ata a expulsión temporal ou definitiva das instalacións.