O Concello de Ourense recúa e organizará a loita de Comadres e Compadres o 27 de febreiro

O Concello de Ourense celebrará os xoves de Compadres e Comadres co alumnado dos centros educativos da cidade nun acto conxunto que terá lugar o vindeiro día 27 de febreiro, pola mañá, na Praza Maior. Este ano, o Concello opta por organizar unha actividade conxunta das dúas celebracións (compadres e comadres), na que escolares de Educación de Primaria dos colexios de Ourense realizarán as tradicionais carreiras de comadres e compadres características desta cita festiva.
Con anterioridade, o Concello desenvolverá obradoiros nos colexios nos que as nenas e os nenos aprenderán a elaborar os mecos cos que participarán nesta actividade. Estes obradoiros súmanse aos de Máscaras de Entroido que tamén organiza o Concello nos colexios para que os e as escolares saiban como confeccionar máscaras, en cartolina, das personaxes máis representativas do Entroido da provincia de Ourense.
O Concello de Ourense muda así a súa decisión de eliminar completamente a tradicional loita de mecos que xunta cada ano a centos de rapaces dos centros escolares da cidade e que, en principio, non se ía realizar este ano, o que suscitou moitas críticas por parte dos centros de ensino e da oposición.