O Concello de Ourense reduce os horarios de uso dos parques infantís e espazos deportivos
O Concello de Ourense axusta desde hoxe os horarios dos parques infantís da cidade para a temporada de outubro a maio. Unha vez rematado o verán e xa iniciado o curso escolar, o horario de apertura destes espazos será de 8.00 a 22.00 horas. Desde xuño a setembro, o horario é de 8.00 a 23.00 horas.
Estes horarios tamén se aplicarán ás pistas deportivas cuxo uso poida xerar ruído e molestias á veciñanza, como é o caso das dedicadas á práctica de deportes de balón, como fútbol e baloncesto, agás os equipos federados. Porén, os horarios non se aplicarán a prácticas deportivas que non ocasionan ruídos, como correr, calistenia etc.
O alcalde Gonzalo Pérez Jácome confía en que estas medidas poidan axudar a conciliar o xogo e a práctica de deporte na cidade co respecto ao dereito ao descanso das veciñas e dos veciños das zonas nas que se atopan estes espazos.