O Concello de Ourense solicitará unha subvención para levar a cabo o proxecto “Ourense, cidade arborizada”

OurenseXa
O proxecto abarca máis de 8.000 m de vías e 17.000 m2 de espazos urbanos renaturalizados, coa plantación dun total de 5.000 árbores
Concello-Ourense-recurso
3 Mar 2025

O Concello de Ourense presentou o proxecto Ourense, cidade arborizada á convocatoria de subvencións realizada pola Fundación Biodiversidade para o fomento de actuacións dirixidas ao desenvolvemento e consolidación da infraestrutura verde para a renaturalización e resiliencia das cidades españolas, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional en 2024.

O proxecto do Concello de Ourense ten un orzamento de 3.496.420 euros e trata de dar resposta á necesidade de transformar a cidade e mellorar a calidade de vida da veciñanza. Ourense, cidade arborizada prevé desenvolver actuacións para mitigar os efectos das altas temperaturas, aumentar a permeabilidade do chan, incrementar a cobertura arbórea e transformar zonas verdes para xerar espazos atractivos para a fauna con plantacións arbustivas e arbóreas, e combatendo a presenza das especies invasoras na cidade.

Esta inquietude do Concello recolleuse xa nun estudo previo denominado “Infraestrutura verde para a mellora da calidade de vida na cidade de Ourense”, no que se detectaron zonas de oportunidade para responder aos problemas expostos. Dada a envergadura dos resultados obtidos neste proxecto, o Concello apostou por darlle resposta a través de diferentes convocatorias, coordinadas desde o goberno para lograr unha transformación global da cidade

O proxecto abarca máis de 8.000 m de vías e 17.000 m2 de espazos urbanos renaturalizados, coa plantación dun total de 5.000 árbores.

⚙ Configurar cookies
0.14046597480774