O Concello inicia os trámites para o rescate da cafetería do Xardín Xaponés

OurenseXa
Desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense aseguran que esta situación demostra que existían irregularidades na concesión
Luis Seara e Ruth Reza (BNG Ourense)
15 May 2024

O pasado día 2 de abril, o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense comparecía diante dos medios para denunciar a cesión irregular a terceiros da explotación da cafetería do Xardín Xaponés por parte do actual adxudicatario, incumprindo flagrantemente o contrato de concesión. 

Naquela altura, o Portavoz nacionalista Luís Seara, afirmaba que “neste momento temos unha instalación propiedade do Concello, concesionada e cuxo contrato non se está a cumprir, tal e como se desprende dos informes técnicos aos que tivemos acceso e nos que se especifica unha cesión irrregular a terceiros sen ter a previa autorización municipal, tal e como establece o contrato, o que supón un incumprimento flagrante do mesmo sen que por parte do Goberno Local se activasen os mecanismos sancionadores correspondentes”.

Desde a formación nacionalista lembraban igualmente que foi precisamente como consecuencia dunha cesión irregular a un terceiro, o motivo polo que o Concello rescatou a concesión no ano 2018, “logo de que Jácome puxera entón o grito no ceo e acusara a todo o mundo de ser cómplice daquela situación. Pois ben, agora atopámonos nunha igual e o Alcalde nin di, nin fai absolutamente nada por solucionala, ¿por qué?”. Esa era a pregunta que o BNG lle formulaba ao Rexedor quen, interpelado no Pleno en varias ocasións, limitouse sempre a botar balóns fóra.

Curiosamente tres días despois da denuncia do BNG, o Concello, vía Decreto, iniciaba o procedemento para a resolución do contrato da concesión demanial das instalacións destinadas á cafetería sitas no xardín Xaponés.

Nas Xuntas de Área celebradas este martes e, sendo coñecedores do Decreto do día 5 de abril, Luís Seara preguntoulle ao Concelleiro delegado Antonio Fernández pola situación na que se atopaba actualmente este asunto, sendo a resposta do Concelleiro, “estamos en proceso de regularización da situación”. 

Para Luís Seara, a resposta dada obedece a dúas posibilidades, ámbalas dúas igual de graves, “ou ben o Goberno Local nos minte deliberadamente ou ben as e os concelleiros delegados non coñecen os asuntos que son da súa propia competencia”, e engade, “en todo caso, aledámonos de que o Goberno recoñeza as irregulariedades denunciadas polo BNG e, sobor de todo, que actúe para solventalas”.

0.06021785736084