O Concello solicita a declaración do Centro Histórico de Ourense como Área Rexurbe
O Concello de Ourense vén de solicitar a declaración do Centro Histórico da cidade como Área Rexurbe, co que agarda obter fondos en torno aos 10 ou 12 millóns de euros.
A área Rexurbe é una figura creada pola Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia. As Rexurbe son áreas de intervención no medio urbano que, polas súas especiais características, precisan dunha maior implicación da administración autonómica e local para dinamizar e revitalizar o seu ámbito.
De acordo co estipulado na dita lei, o Concello de Ourense cumpre cos requisitos para a delimitación da área. A intervención nesta áreas poderá comprender actuacións de renovación e mellora da urbanización, dos espazos públicos e das demais dotacións urbanísticas ou das infraestruturas e dos servizos urbanos, así como articular medidas sociais, ambientais e económicas enmarcadas nunha estratexia administrativa global integrada.
Ao mesmo tempo, a Concellería comenzará a traballar no plan de dinamización necesario onde se detallarán as accións cuxo obxectivo será a recuperación do comercio local, a promoción do turismo cultural e a atracción de iniciativas empresariais, con especial énfase na diversificación e na chegada de novos emprendementos á zona. Estas medidas buscan non só restaurar e preservar o patrimonio histórico de Ourense, senón tamén dinamizar a economía local e promover o desenvolvemento sostible na rexión.
A declaración de área Rexurbe do Conxunto histórico de Ourense representa un paso significativo cara á conservación e posta en valor dunha parte fundamental da identidade cultural da cidade. Agárdase que as accións derivadas destas intervencións contribúan a fortalecer o atractivo turístico, mellorar a calidade de vida dos habitantes e consolidar Ourense como un referente cultural e patrimonial na rexión.