O concerto benéfico de Nova Fronteira logrou esgotar todas as entradas en Barbadás
Nova Fronteira organizou esta fin de semana un espectáculo benéfico cuxa recadación irá destinada á Asociación Pequeños Superhéroes, de axuda a nenos e nenas con miopatías centronucleares. O espectáculo vendeu todas as entradas dispoñibles, recadación que se sumará ás aportacións á “fila 0”, habilitada tamén para quen quixera sumar máis doazóns.
Cada ano dende a organización intentan incluír novo repertorio, aportacións e acompañamentos para facelo cada vez máis atractivo. A base parte da música tradicional, das gaitas, pero ano a ano, coas innovacións, colle tintas dunha “big band” dando lugar a unha música máis actual e que chegue a todo tipo de xente, aínda que non sexan fans da música tradicional. Nova Fronteira é ademais unha das bandas pioneiras (en bandas tan numerosas coma a súa) en combinar a gaita con outros instrumentos non tradicionais, dando lugar a un estilo único.
Nova Fronteira contou coa colaboración do Concello de Barbadás para organizar este evento, así como de Guezos e da cantante Jenny Alonso, unha colaboradora habitual da banda cunha voz e proxección únicas.