O Entroido de Mugares xa ten programa oficial

O Entroido de Mugares regresa un ano máis da man da Asociación Cultural Entroido de Mugares cun programa repleto de actividades con importantes novidades.
Por primeira vez, dentro do ciclo do Entroido, organizarase unha conferencia que dará o pistoletazo de saída ás celebracións. Dende a organización explican que esta xornada, titulada "O ciclo do Entroido na nosa contorna", nace coa intención de poñer en valor as tradición e coa intención de converterse nunha cita de carácter anual. O ciclo arrancará coa participación da Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén e coa Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande. Será o 23 de febreiro ás 17.00 horas no Centro de Interpretación do Entroido de Mugares. As celebracións continuarán durante os días 2 e 4 de marzo.
Programa completo
Domingo Corredoiro (23 de febreiro)
- 17.00 horas "O ciclo do Entroido na nosa contorna" no Centro de Interpretación do Entroido en Meaba. Conferencia con Amigos do Patrimonio de Toén e As Bonitas de Sande e o seu Entroido Tradicional.
Domingo de Comedias (2 de marzo)
- 16.30 horas Comezo das Comedias no Local Social de Mugares. Actuación de Cuncas do Son de Cantos de Taberna. Entrega do premio cartel cortesía de Librería Moraima. Premios para os mellores disfraces: infantil trinta euros, adulto cincuenta euros e grupo douscentos euros (mínimo cinco persoas, máximo dez).
Martes de Entroido (4 de marzo)
- 11.30 horas Saída dos Labardeiros da Igrexa de Mugares. Quen non garde o festivo pagarálles unha ronda no bar.
- 12.30 horas Sesión vermú no Local Social. Actuación de Charanga A Felga.
- 13.30 horas Cocido de Entroido con reserva.
- 16.00 horas Saída da comparsa do Entroido cara ao Moreiro. Xuntanza dos Mazarucos en Penedreda e boda no Eiró. Remate de festa no Local Social con Charanga A Felga.