O escritor porriñés Diego Giráldez recibe o XLIII Premio de Novela Blanco-Amor
O Liceo de Ourense acolleu na tarde deste venres o acto de entrega do XLIII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor, o máis veterano e de máis prestixio en lingua galega, organizado pola Fundación Blanco-Amor en colaboración coa Deputación de Ourense.
O presidente provincial, Luis Menor, enxalzou a boa saúde deste galardón, proclamando o seu convencemento de que a ete premio “quédanlle moitas páxinas exitosas por escribir dentro da Literatura Galega”. Nesta liña, anunciou que o apoio da institución provincial seguirá sendo firme e inequívoco á Fundación Blanco-Amor, “xa non só pola importancia do propio certame, senón pola fonda pegada dun dos nosos grandes, ao que endexamais esqueceremos nin permitiremos que se lle esqueza”.
Ademais, Menor manifestou o seu “pleno convencemento de que as institucións públicas debemos seguir impulsando os seus libros, difundindo o seu modelo de ourensán cosmopolita, fondamente comprometido coa lingua e coa cultura de Galicia, todo un exemplo para as novas xeracións”.
O escritor e xornalista porriñés Diego Giráldez García, gañador desta 43ª edición, quixo agradecer “a todas aquelas persoas e organismos que facedes posible, non só xa a convocatoria e celebración deste premio, senón tamén que un galardón deste calibre continúe a ser un síntoma de resistencia e un facho aceso e brillante das letras en Galicia".
No que respecta á novela gañadora do certame, Diego Giráldez explicou que en “As obras póstumas” hai moita realidade. “Hai amor, hai nostalxia, hai sexo frustrado, hai un sistema literario famento, hai unha enfermidade que o cambia todo. Hai tamén unha homenaxe implícita ás persoas de idades avanzadas, anciáns aos que non debemos deixar de dar visibilidade porque nunca deixan de aportar".
En representación da Xunta de Galicia, o delegado territorial, Manuel Pardo, agradeceu ás entidades que promoven este galardón “o traballo de difusión dunha das figuras máis destacadas da literatura galega, como é o autor da Esmorga”, desexando moitos éxitos ao premiado na súa traxectoria literaria.
Pola súa banda, o director da Fundación Eduardo Blanco-Amor, Luis González Tosar, enxalzou dúas das características do escritor ourensán: o seu espírito libre e o feito que de construíse un mundo literario sobre Ourense para proxectalo internacionalmente.
O gañador do XLIII Premio Blanco Amor
Diego Giráldez García (O Porriño, 1976) é licenciado en Historia da Arte, xornalista, escritor e comunicador, con experiencia en distintos medios escritos e dixitais e fundou as revistas Kalaikia, Malladoura e CanZine.
Publicou o seu primeiro traballo literario en 2016, “Galería de saldos”. Trala súa primeira incursión na narrativa cun libro de relatos curtos, foi elixido como “Autor galego do ano” pola revista Fervenzas Literarias. En 2019, chegou ás librarías a súa primeira novela, “Hotel para coleccionistas discretos”. Posteriormente, colaborou noutras obras conxuntas ata que en 2022 viu a luz a súa segunda novela, “O meu sangue”. En 2024, Giráldez mergúllase na narrativa infantil co conto “Xulia e as cóxegas das nubes”, publicado xunto a ilustradora MeliMolita.
Conta co premio literario “Manuel Murguía" e con accésits en outros galardóns. en 2020 e 2022 quedou finalista do Premio de Xornalismo “Francisco Fernández del Riego”. Desde hoxe, conta no seu haber co XLIII Premio de novela Eduardo Blanco Amor por “As obras póstumas”.