O escritor Xosé Benito Reza presentou na casa dos Poetas un libro sobre a Capela Mozárabe de San Miguel

O escritor Xosé Benito Reza presentou esta pasada fin de semana na Casa dos Poetas de Celanova o seu novo libro ‘Ciencia e Misterio en Celanova. A Capela Mozárabe de San Miguel’. No acto, o autor estivo acompañado polo expolítico Maximino Rodríguez, Noelia Domínguez, profesora do IES Celanova, e Antonio Puga, presidente da Fundación Curros Enríquez e alcalde de Celanova.
Xosé Benito Reza, coa colaboración da súa filla Cristal, encargada do deseño da edición, presentou este libro o día máis próximo ao equinoccio de primavera, o 22 de marzo. A obra aborda a fascinante xoia arquitectónica que é a capela mozárabe de San Miguel, con máis de mil anos de antigüidade, e tamén as vellas historias que emerxen da memoria colectiva e envolven ese enigmático lugar, que captaron a súa atención hai xa máis de 30 anos.
O libro inclúe, como non podía ser doutro xeito, un último capítulo dedicado á vida de San Rosendo, fundador de Celanova e unha das figuras máis influentes e respectadas da alta Idade Media.