O Espazo + 60 Afundación de Ourense retomará a súa actividade en outubro

OurenseXa
Entre as propostas para este curso 2024-2025 destacan os proxectos orientados ao benestar emocional, o fomento das relacións interpersoais, o voluntariado e o acompañamento dixital
pedalear-e-conversar-afundacion-+60
Imaxe da actividades 'Pedalear e conversar' do Espazo + 60 Afundación
27 sep 2024

O Espazo + 60 Afundación de Ourense retomará a súa actividade o vindeiro martes, 1 de outubro, con amplas listas de agarda na maioría das súas actividades.  Con case 2.000 persoas socias, entre as propostas para este curso 2024-2025 destacan os proxectos orientados ao benestar emocional, o fomento das relacións interpersoais, o voluntariado e o acompañamento dixital.

A partir dun enfoque que conxuga a investigación para coñecer as necesidades das persoas e a intervención para darlles resposta, Afundación desenvolve programas innovadores para poñer en valor a experiencia profesional e vital das persoas maiores, dándolles voz e visibilidade e codeseñando con elas as propostas nas que participan, procurando unha sociedade libre de estereotipos e idadismo.

Dentro da misión de Afundación na súa área +60 de acompañar ás persoas maiores no seu percorrido vital, os programas grupais que se presentan para 2024-2025 fomentan a socialización, a aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de proxectos interxeracionais e de voluntariado. Transversalmente, as propostas céntranse igualmente en crear oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas e en promover unha imaxe social desta poboación afastada de estereotipos.

Benestar emocional

Atendendo á saúde emocional, o programa «Coñecendo as emocións» céntrase na importancia de coñecer e tomar conciencia das emocións que experimentamos e promover a aprendizaxe de estratexias para xestionalas na nosa vida cotiá. A esta innovadora iniciativa, froito da colaboración que desde o ano 2017 veñen desenvolvendo Afundación e Matia Instituto, incorpórase o programa «O camiño do duelo», para coñecer este proceso e xestionar emocionalmente as perdas ao longo da vida.

Neste ámbito, a programación presenta tamén o programa «Coñecendo a miña mente» para comprender os cambios psicobiolóxicos que ocorren no cerebro a medida que envellecemos.

Cos mesmos fins de coñecernos mellor, o programa «Historias vividas» acompaña ás persoas maiores na experiencia de recompilar e escribir a súa historia de vida nun libro, poñendo en valor a súa traxectoria vital, os seus logros, metas e soños cumpridos ou por cumprir, e que, á súa vez, constitúe un legado para futuras xeracións.

Tecer relacións

Afundación desenvolve proxectos de voluntariado que favorecen o encontro entre os participantes en ámbitos diversos. Así, «Sal a pasear e conversar», propicia a conversación ao aire libre, animando a saír de casa e conectar cos demais.

Voluntariado +60

O programa ten como obxectivo ofrecer novas oportunidades de participación para aproveitar o talento e a experiencia persoal e profesional das persoas maiores ao servizo de mozos e maiores en diferentes ámbitos. Así, as persoas socias dos Espazos +60 Afundación poden participar en actividades de voluntariado interxeracional, voluntariado cultural e educativo, voluntariado social e comunitario, e voluntariado ambiental. Entre as propostas que se desenvolverán este curso destacan os programas «Fálame da emigración» e «Falemos da escola», que inician respectivamente a súa IX e VII edición edición, nos que as persoas maiores voluntarias trasladan a súa experiencia a escolares de centros educativos de toda Galicia, producíndose un intercambio de perspectivas entre xeracións.

Gozar, aprender e practicar hábitos saludables

Afundación conta cunha gran variedade de oferta formativa para a aprendizaxe permanente, desde o coñecemento de idiomas, a expresión artística, historia da arte, literatura ou música, entre outros. Así mesmo, para favorecer a práctica de exercicio, os Espazos +60 Afundación ofrecen propostas variadas que se adaptan ao estado físico e particularidades de cada persoa participante.

+ 60 en liña e acompañamiento dixital

Para favorecer o acceso á programación a persoas que, ben non poden desprazarse a un Espazo+60 ou que viven noutras localidades, a proposta + 60 inclúe unha ampla oferta de programación en liña. A Obra Social de ABANCA ofrece, ademais, en todos os seus espazos e por teléfono, apoio personalizado e individual que permite romper as barreiras iniciais e facer máis fácil o acceso á tecnoloxía, adaptándose a todos os niveis de coñecemento e práctica. Inclúe cursos sobre o uso dos teléfonos móbiles ou tabletas, como funcionan aplicacións como WhatsApp ou como facer vídeo chamadas, entre outros.

0.16181111335754