O Festival Abanea chegará a Allariz o 21 de xullo

OurenseXa
Abanea destaca por levar a danza a vilas medianas e pequenas espalladas por todo o territorio galego, promovendo a arte e a cultura a diferentes espazos
Imaxe do Festival Abanea 2022
9 Xul 2024

O Festival Abanea 2024 celebrará a súa terceira edición do 17 ao 21 de xullo, despregando un formato festivo e autonómico que abarca diferentes localidades galegas.

Este ano, o festival achegará a danza a 5 concellos das 4 provincias galegas: Foz (Lugo), Outes (A Coruña), Ames (A Coruña), Marín (Pontevedra) e Allariz (Ourense).

Durante a presentación de onte, celebrada na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, desvelouse o programa desta terceira edición. Alberto Conde, concelleiro de Cultura de Allariz, estivo presente no evento.

Abanea destaca por levar a danza a vilas medianas e pequenas espalladas por todo o territorio galego, promovendo a arte e a cultura a diferentes espazos.

En total, o programa deste ano inclúe 16 funcións realizadas por 10 compañías de danza procedentes de Euskadi, Cataluña, Andalucía, Galicia, Madrid, Portugal e México. Ademais, haberá 18 actividades de mediación dirixidas por recoñecidos profesionais como Alejandra Balboa, Paula Quintas, Carlota Mosquera e Marta Alonso Tejada.

A programación no concello ourensán arrancará cun obradoiro de danza que terá lugar ás 18.00 horas nos Xardíns do Museo do Coiro ou na Sala de Exposicións A Fábrica en caso de choiva. O obradoiro ten como obxectivo que nais, pais, fillas e fillos desfruten dunha sesión de danza conxunta mediante xogos e exercicios que despois poden repetir na casa. A danza en familia é unha actividade de expresión, comunicación e imaxinación que fortalece o vínculo afectivo entre os membros da familia nun contexto lúdico e creativo, informan desde a organización. Os rapaces e rapazas que queiran asistir deberán ir acompañados dun adulto.

A partir das 20.30 horas, na Praza do Matadoiro, arrancará a programación de espectáculos coas pezas "Pensar a Contratempo", da artista Suevi Rojo e "En Cuclillas", da compañía Colectivo Premohs. Ademáis, Big South, unha escola de swing que promove a integración da arte na vida social a través da música swing e os seus bailes,  levará a súa pista de baile ao concello ourensán coa música de DJ Abanea. Desde a organización informan de que, en caso de choiva, todos os espectáculos serán trasladados ao Pavillón Municipal.

 

0.18668508529663