O FITO volverá a converter a Ourense na capital galega do teatro do 16 ao 27 de outubro
O Festival Internacional de Teatro de Ourense regresa por décimo séptimo ano á cidade con trece funcións que se levarán a cabo entre os días 16 e 27 de outubro en diferentes espazos.
O FITO 2024 foi presentado está mañá pola súa directora, a actriz e directora Fina Calleja, quen destaca que este ano o festival chega “coa vontade de revalidarse como espazo de convivencia democrática, como facilitador de transferencia de coñecemento, como un escaparate no que se apertarán xéneros, experiencias e linguaxes coa vontade de comunicarse cos seus espectadores máis fieis pero tamén con aqueles que aínda non o senten como unha cita propia”.
Á presentación asistiron tamén Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicereitor do Campus de Ourense, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais, César Gil, vicepresidente da Deputación de Ourense, Olga Mojón, directora do Teatro Principal, Jose Lois Troitiña, xerente do Liceo Recreo Ourensán, e Antonio Puga, alcalde de Celanova.
O FITO conta xa cunha apla traxectoria na cidade e está consolidado como unha das citas da referencia en Ourense para os amantes do teatro. “Con dezaseis anos de existencia do festival ás costas, seguimos ambicionando seguir medrando deseñando unha programación aberta á cidadanía que, como nunca, pon o acento na rúa como lugar de encontro e a escolma de temas que cremos importantes para abrir un debate san e responsable dentro dunha comunidade que pretende mellorarse, reconstruírse sobre os vimbios da tolerancia, o respecto á diversidade, a denuncia ante as desigualdades, a memoria histórica e a defensa da nosa propia raíz”, sinala a súa directora.
Espectáculos de primeiro nivel
Este evento cultural reúne unha vez máis en Ourense a compañías de teatro nacionais e internacionais ofrecendo ao público espectáculos de primeiro nivel no Teatro Principal e noutras localizacións da cidade, como é o caso do Liceo de Ourense. Ademáis, nesta edición incorpórase como novidade o Concello de Celanova, que albergará diversos espectáculos.
A programación comezará o mércores 16 no Liceo de Ourense con Vía Morta, de Culturactiva. As entradas xa está á venda en www.ataquilla.com e tamén na billeteira do Teatro Principal, dúas horas antes do comezo do espectáculo. Toda a información do Festival Internacional de Teatro de Ourense está dispoñible en www.fitoourense.com.
Apoio da Deputación
César Fernández reivindicou o traballo realizado pola organización do FITO ao longo destes anos que permitiu consolidalo como "un evento referente na axenda cultural da provincia de Ourense". Un proxecto que permite "achegar a cultura con espectáculos teatrais de enorme calidade a todos os públicos e en diferentes localizacións, sendo un elemento dinamizador moi importante para a vida social e económica da cidade". De feito, Fernández parabenizou a Sarabela “por facer realidade unha historia, a do FITO, chea de éxitos e bos momentos” e recalcou que desde a Deputación “temos claro o valor da Cultura para o noso territorio e da importancia do apoio das administracións”.