O grupo municipal socialista critica a "folla de ruta" do Concello de Ourense
As edís do grupo municipal socialista analizaron e criticaron a “folla sen ruta que Gonzalo Pérez Jácome presentou dun Ourense irreal”, tal e como resumiu a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González. “O noso Ourense ideal non pasa por ter a un alcalde que sexa incapaz de poñer na súa axenda política nin unha soa medida de carácter social para esta cidade ata o ano 2027. E tampouco pasa porque o único que demande, ante a Xunta de Galicia, sexan unhas cantas árbores e un parque acuático que nunca se vai a realizar”, afirmou.
Logo da grave situación pola que atravesa a cidade, o escurantismo en materia económica e o desmantelamento dos servizos sociais dos últimos 4 anos e medio, a edil socialista lamentou que os anuncios feitos polo rexedor non sexan máis que unha cortiña de fume para tapar a súa mala xestión. “Converteu a institución nunha empresa privada especializada en mudanzas, enchufes e mentiras”, recriminou a tamén secretaria xeral do partido en Ourense durante un almorzo informativo cos medios de comunicación.
Preguntada por se sería viable un pacto co PP para apartar a Jácome do bastón de mando, respondeu que “é importante non esquecer que o PP é o responsable de que gobernase ata en dúas ocasións” e que “os culpables do problema nunca deberían ser os responsables da solución”; pero que deberían ter a “altura política” necesaria para primar os intereses da cidadanía por riba dos das súas siglas.
“O único que fixo o alcalde foi un discurso absolutamente demagóxico que, se se analiza polo miúdo, incorre nunha serie de falsedades e mentiras a medias. Por exemplo, falou dunha `mafia´ no que atinxe ás vodas, acto seguido falou da aprobación do PXOM e, a continuación, das modificacións en persoal que vai levar a cabo. Vai para adiante e para atrás de forma errática para ver se consegue despistar”, analizou, pola súa banda, a edil María Fernández sobre as declaracións de onte.
Ademais, sinalou outra das mentiras difundidas polo alcalde como é a obrigatoriedade legal de actualizar as taxas á que fixo referencia. “Segundo a lei de facendas locais, o custe dos servizos ten que cubrirse co prezo público que ti establezas. Pero el está afirmando que vai a suprimir a tarifa do autobús mentres afirma, á vez, que ten que subir outros impostos. É unha incoherencia e contradición”, destacou a concelleira sobre a demagoxia do rexedor.
Tamén advertiu da pouca seriedade coa que aborda a política de persoal e a ausencia de alternativas concretas. “El pode estar en contra da política caciquil, aínda que non o pareza á luz das contratacións que realiza, pero ten que propoñer solucións. En asuntos de persoal e economía non semella que o grupo de goberno defenda un proxecto serio”, argumentou ante os medios de comunicación.
Nesta liña, lembrou que no discurso de onte o rexedor non fixo ningunha referencia á palabra “público” en materia de deporte, sanidade, educación, voluntariado, promoción económica, vivenda, innovación tecnolóxica ou igualdade. “Hai que lembrar que non ten maioría para gobernar e todo o que dixo que vai facer el só non pode. No pleno do Concello, asuntos resolutorios e de goberno só se tratou o de pagar as luces de Nadal e 24 modificacións de crédito para incorporar remanente que non gastou, polo que podemos dicir que estivemos a perder o tempo, co custe de cartos públicos e esforzo que iso supón”, espetou.
“Imos esmorecer entre cemento, porque o único que fan é parchear rúas sen planificación, ao son dunha charanga, cun periodo medio de pago a provedores cada vez máis elevado o que implica que ditos provedores non reclamen intereses, porque prefiren traballar para unha administración pública, pero si que eleven os prezos dos proxectos ao saber que van tardar un ano, ou máis, en cobrar”, expuxo a socialista.
Así mesmo, a edil Alba Iglesias puxo sobre a mesa a falta de liderado, escasa seguridade xurídica e o lodo no que está sumerxida a cidade dende hai tempo. “Si que é imprescindible un novo PXOM e tamén é indispensable ter en conta a previsión de crecemento da poboación, a previsión do emprego e medidas para xeralo ou dispoñer de chan industrial ou ter en conta os plans especiais e específicos de cada zona”, esbozou sobre outras moitas medidas correlacionadas.
Outro asunto criticado no almorzo informativo foi a visión do termalismo do rexedor que cualifica como un bluf pero á vez pretende privatizar e ofertar só para aqueles que o poidan pagar. “O caso é privatizar para sacar beneficio persoal como fixo con todo no Concello. Tanto é así que poderíamos chamalo Democracia Orensana S.L. E me gustaría incidir en que o movemento turístico é importantísimo pero non esquezamos que as termas tamén son para os ourensáns e as ourensás”, subliñou a edil.
A secratria xeral de XX.SS. preguntouse se as políticas do alcalde de Igualdade consisten en “suprimir os minutos de silencio polas vítimas da violencia de xénero” e as de Rehabilitación en “pasar a brocha gorda polos edificios do casco vello”. “As políticas para a mocidade e a xuventude supoño que as inclúe nas de espectáculos e festexos. E vaia por diante que a todos nos gusta desfrutar das festas, pero iso implica que a xente moza volva a Ourense o venres pola tarde e marche o domingo a ritmo de charanga”, resaltou.
“O discurso de Jácome é neoliberal e populista ata extremos insospeitados. E como comentaba alguén en redes sociais: o reto é amosar cada vez a máis xente que o rei vai espido”, rematou a socialista.