O Grupo Provincial Socialista denuncia o veto do PP a un "amplo plan de axudas" ao sector agrogandeiro
O PP votou contra da Moción que o Grupo Provincial Socialista defendeu no Pleno da Deputación de Ourense para posta en marcha dun “amplo” plan de axudas directo a empresas, cooperativas e autónomos agrogandeiros con vistas a minorar os males que atravesa o sector. A deputada provincial socialista e gandeira ecolóxica, Marina Vaz, quen repasou algunha principais causas dun “problema complexo, que non ten unha única causa”, reclamou da Deputación “que estea a carón dos profesionais do sector neste delicado momento, transcendendo a mera retórica e pasando a acción a través da posta en marcha dun plan de subvencións específico para distender a situación”.
As causas das doenzas do sector pasan polas cargas burocráticas e estricas directrices que determina a Política Agraria Común (PAC), a necesidade de establecer prezos xustos, co obxectivo de que os custos de produción sexan inferiores ao importe de venda de produtores; a non actualización dos seguros agrarios para que dean conta das novas condicións xeradas polo cambio climático ou a urxencia de atallar as consecuencias dunha xeopolítica mundial axitada da ou o impacto de acordos chamados a incrementar o comercio internacional. “Produtores, industriais, distribuidores e transportistas outorgan prioridade a certos factores, segundo o seu particular rol e circunstancias, polo cal o obxecto das axudas deben ser o máis vasto posible”, indicou Vaz.
A Moción socialista, que non saíu adiante por mor do voto en contra do PP, pretendía que a Deputación “contribuíse de forma decidida cun amplo plan de axudas”. A deputada socialista destacou que “é habitual que outras deputacións do Estado dispoñan de subvencións para axudar aos seus sectores primarios”, evocando os casos de Alaba ou Biscaia, Málaga e Pontevedra, onde o impacto do agrogandeiro e moi inferior ao de Ourense e gobernadas as dúas últimas polo PP. “A sustentabilidade das explotacións pasa por alcanzar un grao de rendibilidade suficiente que, agora mesmo, require do empurre dos poderes públicos”, estimou a deputada socialista. “Nunha provincia onde o agropecuario é determinante a Deputación debería ser parte da solución”, sentenciou Vaz.
Clarificación sobre a non privatización da recollida do lixo
Sobre a base de informacións publicadas en datas recentes, que indican que “a Deputación pedía dous meses para aclarar se vai privatizar o servizo de recollida de lixo”, e tendo manifestado o presidente Luís Menor a intención de manter a prestación de forma directa, o Grupo Provincial Socialista pediu aclaracións ao respecto. No Pleno do 22 de decembro de 2023 votouse unha moción socialista para instar ao goberno do PP a desbotar a privatización do servizo de recollida e tratamento de residuos que a institución presta en réxime de competencia delegada, apuntalando o seu carácter público e non mercantil. “De aquí a nosa sorpresa, cando vemos que están a valorar aínda a privatización do servizo”, destacou a deputada socialista Susana Rodríguez.
Neste senso, Rodríguez preguntou sobre o “mantemento da folla de ruta do Sr. Baltar, que si afirmaba a privatización, ou se, tal e como subliñou hai apenas un par de meses o presidente Menor, vaise garantir a prestación directa do servizo de recollida de lizo que presta a Deputación”. Na súa resposta o presidente garantiu o mantemento do carácter público e a prestación directa do servizo e que o escrito ao que alude a prensa “foi presentado en sede xudicial, respondendo unicamente a un trámite diante dos tribunais”. Segundo Menor, “é vontade clara e afirmada deste equipo de goberno non avanzar na privatización ou externalización, sustentando o carácter público e a prestación directa do servizo”.
Contra a financiación dunha apoloxía dun fascista
O Grupo Provincial Socialista pediu aclaracións sobre a contratación pola Deputación de Ourense dunha biografía do escritor e político Eugenio Montes, figura sobranceira do fascismo español. Tal e como expuxo Susana Rodríguez, “a Deputación vai destinar un monto de 11.190,64 euros para a publicación de Eugenio Montes, o intelectual silenciado, unha haxiografía arredor dun importante e temperá apoloxista do fascismo español, con gran impacto no pensamento antidemocrático da España do primeiro terzo do século XX”. “Entre perfís cualificados e expertos a conclusión é clara e, ao contrario que Cunqueiro ou Risco, Montes non fixo unha viaxe de ida e volta, sendo considerado un fascista asumido e ideólogo orgánico da Falanxe española”, explicou Rodríguez.
A deputada socialista inquiriu sobre os fundamentos da decisión de financiar a elaboración e edición dunha obra “para claramente enxalzar a figura dun recoñecido fascista”, poñendo en dúbida o respecto da Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática. Na súa resposta, o presidente Menor indicou que “a Deputación non tomou a decisión e moito menos para tratar a personaxe coma un santo”, remitindo ao envío ulterior do informe da xefa de Servizo de Publicacións da institución. Neste senso, Menor afirmou que a obra foi contratada a través dun concurso de concorrencia competitiva, que se trataba dun traballo colectivo, e non dun único autor, e que “en ningún caso hai un tratamento privilexiado dun autor destas características”.