O Inorde contará por primeira vez cun stand propio no Salón Gourmets 2025

OurenseXa
O organismo provincial abre o prazo a dez micro empresas para participar como coexpositores
solon_gourmets_2024_stand_ourense
Salón Gourmets 2024
26 Feb 2025

O Inorde vén de aprobar as bases para regular o procedemento destinado a seleccionar a dez micro empresas como coexpositores no stand que terá este organismo, por primeira vez, no Salón Gourmets 2025, Feira de Alimentación e Bebidas de calidade, que se celebrará no recinto feiral de IFEMA, Madrid, entre os días de 7 ao 10 de abril de 2025. O stand do Inorde habilitará dez módulos destinados, cada un deles, a unha empresa da provincia de Ourense para que expoña e promocione os seus produtos.

Os interesados en participar deberán presentar a súa solicitude, dirixida ao Inorde, no modelo que se contén no anexo I destas bases, entre as 00:00 horas do xoves día 27 de febreiro de 2025, e as 24:00 horas do luns día 10 de marzo de 2025. A solicitude presentarase na sede electrónica da Deputación de Ourense (https://sede.depourense.es/), utilizando a opción de presentación de solicitudes de propósito xeral ou, se o solicitante non está obrigado a comunicarse coa Administración por medios electrónicos, poderá presentar a solicitude nos Rexistros do Inorde, da Deputación de Ourense ou no de outra Administración.

Poderán ser coexpositores as microempresas produtoras de produtos gourmet, que sexan titularidade de persoas físicas autónomas ou xurídicas cuxo domicilio e centro de produción estea situado na provincia de Ourense e os consellos reguladores de denominacións de orixe que conten con bodegas adscritas no territorio da provincia de Ourense. Considérase microempresa á empresa que ocupa a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros. Se o produto da microempresa fosen viños, a súa produción anual non poderá ser superior a cen mil (100.000) litros en cada un dos dous últimos exercicios anuais pechados. Esta limitación non se aplicará aos consellos reguladores das denominacións de orixe.

⚙ Configurar cookies
0.11317896842957