O Mago Deimi actuará este domingo no Liceo de Ourense
O Liceo de Ourense acolle este domingo a actuación do Mago Deimi, que traerá o seu espectáculo de maxia á cidade cunha actuación á 18.30 horas.
O Mago Deimi é natural de Ribadavia (Ourense) e vive a maxia dende ben cativo, unha afección que non deixou de cultivar ata a actualidade. Nas súas actuacións ofrécenos un espectáculo de maxia moi variada e divertida onde predomina o seu dinamismo cun estilo cómico e desenfadado.
Tamén cómpre destacar a variedade de xogos que inclúe no seu repertorio e que poden dar para 2-3 espectáculos diferentes: cartomaxia, manipulación, escapismo, mentalismo, levitacións, aparicións, maxia con lume, desaparicións, transformación, etc., todo acompañado de gags, moi bo humor e música de fondo para marcar o ritmo da maxia e a participación activa do público. Ao facer partícipe ao público, o espectáculo de maxia faise máis crible e inesquecible para os asistentes.
Ademais da contrastada experiencia que demostra nos seus espectáculos de maxia en escenario, Deimi tamén ten experiencia televisiva tendo participado en varios programas, un deles de cámara oculta: "Camara Gags" (TVG).