O Mosteiro de Santo Estevo acollerá a presentación dun ambicioso proxecto europeo liderado dende o Campus de Ourense

Titulado SoildiverAgro, reúne a 22 socios de sete países co obxectivo de promover prácticas agrícolas que favorezan a biodiversidade
presentacion-SoildiverAgro
Presentación do proxecto SoildiverAgro
10 May 2025

O proxecto europeo SoildiverAgro, iniciado no ano 2019, entra na súa fase final tras seis anos de traballo dedicados a promover prácticas agrícolas que favorezan a biodiversidade do solo. Coordinada pola Universidade de Vigo, esta iniciativa reúne a 22 socios de sete países diferentes e culminará a súa traxectoria coa celebración da súa asemblea final en Ourense.

O encontro terá lugar os días 13, 14 e 15 de maio entre a Facultade de Ciencias do campus de Ourense e o Mosteiro de Santo Estevo. Durante a presentación do evento, o vicerreitor do campus, Francisco Javier Rodríguez, destacou a importancia de proxectos coma este para reforzar o papel investigador do campus e o seu compromiso co desenvolvemento sostible da provincia, en consonancia co Campus Auga e co Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Pola súa parte, o deputado provincial Rosendo Fernández, tamén presidente do Inorde, entidade participante no proxecto, puxo en valor a cooperación institucional como chave para acadar maiores niveis de eficiencia e impacto en iniciativas como SoildiverAgro.

O coordinador do proxecto, o profesor David Fernández da UVigo, explicou que o obxectivo principal foi deseñar e probar sistemas de cultivo e xestión agraria que permitan mellorar a saúde e biodiversidade do solo, reducindo a dependencia de insumos externos como fertilizantes, funxicidas, auga ou combustibles. Estas prácticas buscan, ademais, potenciar a calidade e rendemento das colleitas, xunto cun maior equilibrio ambiental e estabilidade no sector agrícola europeo. Fernández tamén quixo agradecer a colaboración do Inorde, que facilitou o uso de parcelas experimentais para o desenvolvemento do proxecto.
SoildiverAgro, financiado con case 7 millóns de euros a través do programa europeo Horizon 2020, implica a universidades, centros de investigación, empresas, ONG, agricultores e entidades públicas de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa. En Galicia, ademais da UVigo, participan a Feuga, o Inorde e o agricultor Rubén Rodríguez.

Na asemblea final, arredor de 50 representantes das entidades socias presentarán os resultados acadados durante o proxecto, así como as ferramentas desenvolvidas, publicacións, accións formativas e outras achegas. En Galicia, os traballos centrados na comarca da Limia incluíron rotacións de cultivos melloradas, control biolóxico de pragas, o uso de micorrizas como alternativa aos fertilizantes químicos e sistemas de alerta temperá para minimizar o uso de funxicidas. Todos estes resultados serán compartidos tamén durante as xornadas en Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.15719413757324