O persoal de Coasa logra por primeira vez unha suba salarial consolidada por riba do convenio

Os traballadores e traballadoras da empresa aeronáutica ourensá aprobaron en asemblea o preacordo coa dirección e suspenderon os tres novos días de folga previstos
Manifestación dos traballadores de COASA
11 Xul 2024

O cadro de persoal da empresa do sector da aeronáutica con sede en Ourense Coasa logrou por primeira vez, tras oito xornadas de folga e de mobilizacións, unha suba salarial consolidada por riba do convenio colectivo. O preacordo coa dirección foi aprobado pola maioría da asemblea de traballadores/as, que decidiu tamén desconvocar os novos tres días de paros previstos.

O aumento de soldos pactado suporá 600 euros ao ano máis para cada empregado/a, ademais dunha serie de incrementos segundo a antigüidade. Tamén se incluíron unha serie de variábeis que poden chegar aos 1200 euros anuais e o pago de atrasos e dunha paga no momento de asinar o acordo que vai dos 550 aos 1180 euros segundo a antigüidade.

O acordo foi posible tras oito xornadas de folga e de mobilizacións

A maiores aumentouse un 2% a remuneración da nocturnidade e estableceuse un pago de 40 euros para os traballadores/as da quenda especial (de martes a sábado). E incluíuse un día máis de vacacións vinculado ao absentismo global. Todas estas cuestións serán recollidas no documento final que se redactará nos vindeiros días.

O preacordo foi asinado na tarde do pasado martes entre o comité e a dirección, o que permitiu desconvocar a xornada de folga prevista para ese día. Tras ser aprobado en asemblea polos traballadores/as que secundaron a folga (155 votaron a favor e 116 en contra) tamén quedaron sen efecto os novos días de paros previstos para onte e hoxe.

0.20070695877075