O Pleno da Deputación de Ourense debate unha enmenda do BNG para modificar os orzamentos do INORDE
Xosé Manuel Puga, deputado provincial do BNG de Ourense, vén de rexistrar unha enmenda aos orzamentos do INORDE que se debaterán na sesión deste mércores 13 novembro.
Os nacionalistas propoñen detraer 608.220,00 euros da actual proposta de orzamento deste organismo provincial dependente da Deputación de Ourense, para destinalos a investimentos e colaboración da Deputación Provincial de Ourense con entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de actividades e accións de dinamización económica e social na provincia de Ourense.
“Tal e como xa temos manifestado e proposto desde o Grupo Provincial do BNG, e co ánimo de modificar e mellorar a incidencia que o INORDE está a ter sobre o corpo económico da provincia de Ourense e segundo o establecido no artigo 3 dos vixentes estatutos do INORDE: O obxectivo do INORDE é a promoción, desenvolvemento e mellora das condicións económicas e sociais da provincia de Ourense” sinalou Puga, o grupo nacionalista propón detraer do capítulo primeiro, 24.000 euros; do capítulo segundo 326.220 euros; do capitulo terceiro 167.000 euros; e do capítulo cuarto 91.000 euros para acadar o montante de 60.8220 euros coa que crear esta nova área ou partida de gasto, para incorporala aos capítulos de gasto segundo e cuarto.
Desde o grupo nacionalista tamén manifestaron a súa sorpresa “por non estar acompañada a documentación aportada do conseguinte estado de execución de gastos do que levamos do ano 2024 e do último trimestre de 2023, que non chegou até última hora da maña de hoxe. Cuestión esta fundamental para coñecer a execución real do aprobado no ano pasado”.