O PP de Ourense pedirá no Pleno a reapertura do Museo Municipal

O grupo municipal do PP no Concello de Ourense presentará no próximo pleno, previsto para o venres 7 de marzo, unha moción na que reclamarán a reapertura do Museo Municipal de Ourense, pechado desde o ano 2021.
O concelleiro popular, José Araújo Fernández, asegura que o museo “ten un persoal magnífico e uns fondos dignos de ser expostos permanentemente”. “Sabemos que é un espazo que a sociedade ourensá e os que nos visitan demandan”, asegura, poñendo en valor o “incrible labor” que este centro realizou durante anos “poñendo en valor a cultura da cidade”. Por iso, afirma, “queremos que abra e que o faga con máis forza ca nunca”.
Pola súa banda, o Goberno Municipal advertiu hai xa un tempo de que a súa intención era reabrilo, o que non quere dicir que o centro recupere a súa actividade cultural, xa que o goberno de Pérez Jácome pretendía convertelo nun Museo do Viño e, agora, crear tamén unha cafetaría nas súas instalacións.