O PP provincial rexeita unha iniciativa socialista para garantir a estabilidade das casas niño

OurenseXa
O PP tamén desbotou a activación dun plan de minería sustentable na provincia Co voto en contra do PP, o pleno da deputación desbotou a moción socialista para garantir a estabilidade e viabilidade das “casas niño”.
pleno-deputacion-ourense-pp
1 Mar 2025

O PP tamén desbotou a activación dun plan de minería sustentable na provincia
Co voto en contra do PP, o pleno da deputación desbotou a moción socialista para garantir a estabilidade e viabilidade das “casas niño”. “Unha vez máis o grupo conservador preferiu exercer a defensa do goberno da Xunta de Galicia en detrimento dos intereses da provincia, obviando completamente as dificultades que atravesa este modelo de atención que desenvolve un papel crucial na atención á infancia e á conciliación familiar no rural ourensán”, laiouse o voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Vila.

Durante a explicación de motivos, Vila fixo fincapé na “dura realidade desta figura fundamental en concellos illados” e situación das súas traballadoras, “falsas autónomas de facto” sobre as que recae todo o peso dun servizo “que teoricamente leva é levado a cabo pola Xunta”. A Consellería de Política Social e Igualdade financia a súa posta en marcha e funcionamento cunha subvención anual duns 29.000 euros brutos. “Ao monto asignado hai que lle detraer un 20% de impostos, non chegando apenas a cubrir custos operativos e gastos cotiás, ameazando a continuidade do servizo”.

Ourense, que conta con 48 casas niño operativas, comprende arredor do 50% destas instalacións en funcionamento en Galicia. “É de xustiza e, polo tanto, reclamamos que a Deputación de Ourense se implique e esixa da Xunta de Galicia que se preocupe dunha situación insostible, nomeadamente para as profesionais das casas niño, para que se mellore o seu cotiá e, por extensión, o servizo que prestan a nenas e nenos, amais de que se lles outorgue o recoñecemento coma traballadores de leno dereito”, salientou o voceiro socialista.

O PP sen estratexia nin visión en desenvolvemento

Por mor da negativa do PP, tampouco saíu adiante a proposta do PSdeG-PSOE para adoptar un plan provincial de desenvolvemento do sector mineiro que podería facer de Ourense un referente nas cadeas de subministro global en tecnoloxías verdes. Segundo Aurentino Alonso, deputado socialista que defendeu a moción, “a provincia ten un gran potencial mineiro, mesmo de terras raras, que, a través dunha acaída estratexia respectuosa da entorna, pode aportar prosperidade e benestar para a nosa veciñanza”, sostén Aurentino Alonso, deputado provincial socialista por Valdeorras.

“Non podemos resignarnos e ver como a provincia esmorece, centrándonos só nos eidos habituais nos que a Deputación incide, sendo imperativo avanzar cara novas pistas e horizontes de salvación, sendo a minería unha panca con moito potencial por desenvolver”, sostivo Alonso. Para o deputado socialista por Valdeorras, “contamos con activos para devir referentes da minería sustentable e mesmo un actor global en tecnoloxías verdes, podendo cubrir até o 15% da demanda europea para a fabricación de baterías”. Neste senso, “a Deputación debe ordenar e dinamizar o sector”, fincou Alonso.

Os socialistas tamén incluían na súa proposta a “posta en marcha de mecanismos de coordinación para a participación de Deputación, concellos e colectivos afectados polos proxectos en curso en aras de minimizar impactos e maximizar retornos para a comunidade”. “Minería e compatible con sustentabilidade e desenvolvemento, catalizador de innovación e cohesión territorial”, sentenzou Alonso para xustificar que a Deputación se dote dun plan capaz de reforzar o sector, captar fondos e promover a atracción de investimentos.

O PSdeG-PSOE carón dos traballadores de Faurecia

En contra do sentir expresado polos propios traballadores, o grupo popular na Deputación rexeitou a emenda de adición socialista para que a Xunta de Galicia “asuma compromisos” coa planta de Faurecia en Ourense para garantir a carga actual e non perder ningún posto laboral. O sentido da emenda do PSdeG-PSOE reflectía as demandas recollidas durante as reunións mantidas cos delegados sindicais representados no comité de empresa (CIG, CCOO e UXT), instando ao goberno autonómico a reunirse e poñerse ao dispor dos operarios da factoría ourensá afectada polos recortes.

“O máis aprémante é que a Consellería de Economía e Industria asuma compromisos e se reúna cos representantes da empresa con vistas a avanzar cara pistas de solución que garantan a carga de traballo e o mantemento de todos os postos laborais”, dixo o deputado socialista Diego Fernández. Porén que as competencias de industria recaen exclusivamente na Xunta de Galicia, o PP opúxose á emenda socialista, mentres que o axuste na fábrica de Faurecia en Ourense ameaza con afectar a 27 dos 300 traballadores actuais.

⚙ Configurar cookies
0.17411398887634