O programa 'Música a flor de pel' chega ao CEE O Pino de Ourense

OurenseXa
Afundación, a Obra Social de ABANCA, reinicia 'Música a flor de pel', un programa que leva microconcertos aos centros de educación especial de toda Galicia e que comezará o 27 de maio no CEE O Pino de Ourense
musica-a-flor-de-pel
'Música a flor de pel'
21 May 2024

Afundación, a Obra Social de ABANCA, reinicia 'Música a flor de pel', un programa que leva microconcertos aos centros de educación especial de toda Galicia. Máis de 1700 estudantes de 24 centros educativos de educación especial participarán nesta cuarta edición de «Música a flor de pel» que comezará o vindeiro 27 de maio no CEE O Pino de Ourense cunha actuación a cargo da Fundación IgualArte. A través de cancións e xogos, as nenas e nenos particpan activamente, contando incluso coa posibilidade de tocar instrumentos ou obxectos sonoros coas súas propias mans.

As seguintes citas serán no CEE Miño de Ourense; no CEEPR ASPACE de Sada; no CEE de Panxón en Nigrán; no CEEPR Amicos de Ribeira; no CEEPR Lenda Educativa de Carballo; no CEE Saladino Cortizo e CEEPR Menela de Vigo; no CEEPR Juan XXIII e CEE Pontevedra de Pontevedra; CEE Santa María de Lugo; CEEPR ASPANAES e CEE María Mariño da Coruña; CEE Manuel López Navalón e CEE A Barcia de Santiago de Compostela; no CEEPR Hogar e Clínica San Rafael de Vigo; no CEEPR San Xerónimo Emiliani da Guarda; CEEPR Juan María de Nigrán; CEEPR Amencer – ASPACE e CEEPR San Francisco de Vigo; CEE Nosa Señora do Rosario e CEEPR Nuestra Señora de Lourdes da Coruña; CEEPR Aspanaex de Vigo e CEEPR Aceesca do Porriño.

Afundación pon en marcha este programa desde o coñecemento dos beneficios que a música en directo achega para a xestión das emocións, a diminución de medos e tensións, o desenvolvemento sensorial e perceptivo, o fomento da creatividade ou o reforzo da comunicación, entre outros. «Música a flor de pel» enmárcase, deste xeito, dentro do compromiso de Afundación, como obra social de ABANCA, coas artes e a cultura como motor de crecemento persoal, coa atención á diversidade, coa igualdade de oportunidades e coa sensibilidade social.

Nesta edición 2024 preséntanse catro propostas distintas entre as que os centros poden escoller aquela que lle resulte máis atractiva e adecuada. Por unha banda, a Fundación IgualArte, que traballa a arte con persoas con capacidades diferentes, ofrece tres espectáculos distintos: un concerto de música tradicional, a cargo da agrupación De t@pas; unha proposta musical partindo de composicións infantís, para público máis novo, coa Agrupación Musical Lavanda e «Música con sentido», unha creación sensorial para experimentar cos diferentes sentidos. Por outro lado, a proposta de Pedro Campos, un concerto no que o intérprete de percusión, cantante e musicoterapeuta, ex integrante do recoñecido grupo cubano David Álvarez y Juego de manos e da Orquestra Galega Televisión de Galicia, entre outras agrupacións, crea un momento divertido e cheo de ledicia utilizando a percusión: batería virtual, bongós, timbais, maracas, etc.

0.1283278465271