O PSdeG aposta polo impulso do turismo na provincia de Ourense
A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia mantivo un encontro esta mañá coa Asociación de Municipios do Camiño de Inverno coa Asociación Empresarial de Valdeorras, na que estiveron presentes o candidato, Eladio Santos Martínez e o presidente da asociación e alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro. O número 4 da candidatura socialista tomou nota das principais reclamacións da asociación, así como dos problemas que se atopan os concellos ao tratar de impulsar iniciativas turísticas, ao non ter competencias e ante o “desleixo” constante dos gobernos autonómicos do Partido Popular.
Eladio Santos Martínez destacou tralo encontro que con José Ramón Gómez Besteiro “apostaremos polo aproveitamento dos recursos turísticos, cun amparo aos concellos dende a propia Xunta de Galicia, e conseguir deste xeito a posta en marcha de tódolos proxectos que temos para a comarca”. O candidato socialista afeoulle á Xunta que “non teña unha visión turística para a comarca de Valdeorras e só se dedique a facer propaganda de proxectos que saen adiante con cartos transferidos polo propio ministerio as comunidades autónomas, que son os que teñen as competencias”.
Santos Martínez e Enrique Álvarez Barreiro coincidiron en que o “desleixo” dos goberno autonómicos do PP ao longo dos últimos 14 anos “deixaron en evidencia que non teñen iniciativa e que teñen que ser os propios concellos os que asuman as rendas para pór en valor estes recursos turísticos”.
Durante a reunión tamén analizaron a situación da ruta das Covas, en Vilamartín de Valdeorras, que destacan como referente do patrimonio etnográfico da comarca. Neste senso sinalaron a necesidade de “contar con fondos autonómicos para pór en valor aínda máis este conxunto de bens patrimoniais e que non sexa o concello o que teña que asumir toda a carga económica”.
Lembran que os concellos da comarca conseguiron nos últimos tempos 1,5 millóns de euros para un plan de sostibilidade turística en Valdeorras, elaborado no ano 2022. Un proxecto que é iniciativa do ministerio e co que os concellos elaboraron e presentaron proxectos para unha financiación que chega a través dos fondos europeos e que foi negociada polo Goberno socialista. “A diferenza dunha Xunta que está ausente, o Goberno central si aposta polo turismo e por proxectos que poñan en valor esta comarca”.