O PSdeG da Veiga denuncia a falta de planificación do Goberno Municipal no proxecto dos apartamentos tutelados

OurenseXa
Os e as socialistas critican que catro anos despois do inicio das obras, estas atópanse “inacabadas” e sen as condicións mínimas de habitabilidade, o que deixa en evidencia a “nefasta” e “neglixente” xestión do alcalde, Juan Anta, e do seu equipo
Apartamentos_residencia_A_Veiga
30 Xan 2024

O PSdeG-PSOE da Veiga denuncia a falta “total” de planificación por parte do goberno municipal do Partido Popular que segue sen rematar as “interminables” obras os apartamentos tutelados que pretende vender como residencia da terceira idade. Os e as socialistas critican que catro anos despois do inicio das obras, estas atópanse “inacabadas” e sen as condicións mínimas de habitabilidade, o que deixa en evidencia a “nefasta” e “neglixente” xestión do alcalde, Juan Anta, e do seu equipo.

Dende o grupo municipal socialista na Veiga explican que xa no pleno do 28 de agosto de 2020, os e as socialistas mostraron a súa preocupación pola “viabilidade” deste proxecto e o “desacordo” ante a compra deste edificio por 49.800 euros. Unha edificación que tal e como explican dende o PSOE local “estaba paralizada por mor dunha irregularidade urbanística”. Dende entón o PSdeG da Veiga leva preguntando nas diferentes sesións plenarias polo estado de execución das obras, xa que tal e como apuntan “case todas as vivendas presentan algunha irregularidade na súa execución e ningunha se rematou en prazo”.

O voceiro do PSdeG-PSOE na Veiga, Fernando Fernández Yáñez, salienta que esta “é unha obra máis deses proxectos megalómanos do alcalde Juan Anta, que pretende levar a cabo obras faraónicas sen ter financiamento suficiente para rematar a totalidade da obra”. Tal e como apunta o edil socialista “este despropósito comezou en 2020 e non sabemos cando se vai rematar, poder empregar, nin tan sequera como será a súa futura xestión, xa que o propio alcalde recoñeceu en sesión plenaria que aínda non ten decidido a xestión, pero creemos que será cedido a unha empresa privada”.

Fernández Yáñez denuncia que este xeito de proceder do Partido Popular e do alcalde, Juan Anta, “está comprometendo a economía municipal” e alerta de que “falla de xestión podería obrigar ao concello a ter que devolver as subvencións concedidas, ao non cumprir cos prazos de execución e coa finalidade das mesmas”. O voceiro socialista denuncia que a obra “está a medio facer e tan só están rematados dous dos sete apartamentos, non podendo ser empregados pois non dispoñen dos servizos básicos, a pesar de que esta fase xa foi xustificada como totalmente rematada e recepcionada”.

Os e as socialistas tamén apuntan a que a obra “é un cúmulo de despropósitos” e poñen como exemplos que as cociñas dos apartamentos que están sen rematar “foron instaladas sen colocar primeiramente o chan e constan como utilizables”. Ademais, tamén relatan que as fachadas están sen rematar “polo que hai moitas humidades no interior”.

Os e as socialistas relatan que o proxecto de construción constaba de 7 apartamentos, recepción e varias zonas comúns e indican que ata o día de hoxe “foron tres as empresas adxudicatarias da construción, pero dúas delas renunciaron no transcurso das obras”. O proxecto estaba orzamentado en agosto de 2020 en 432.398,33 euros e contaba co financiamento do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que aportaba 100.000 euros en 2020 e 200.000 en 2021, ademais de 141.000 euros que corrían a cargo da Deputación Provincial de Ourense.

0.20262789726257