O PSdeG de Barbadás acusa ao alcalde de encubrir un caso de acoso sexual e pide a súa dimisión inmediata

OurenseXa
A portavoz socialista, Victoria Morenza, explica que a decisión de abandonar o goberno municipal responde á falta de medidas eficaces para protexer á vítima e á demora á hora de actuar fronte ao presunto acosador
concelleiras-psoe-barbadas
30 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista de Barbadás reclamou este martes a dimisión “inmediata” do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, ao que acusa de encubrir e ocultar un presunto caso de acoso sexual protagonizado por un ex concelleiro contra unha militante socialista. As cinco concelleiras do grupo consideran que o rexedor “non ten a autoridade moral para liderar o concello”, acúsano de gobernar “dende a hipocrisía e a falla total de principios morais e éticos” e advirten de que “nós non imos branquear o acoso”.

A esixencia produciuse durante un pleno extraordinario no que se abordaron os feitos coñecidos nos últimos meses. Segundo o grupo socialista, a vítima tería sufrido “presuntas coaccións e un trato intimidatorio por parte do rexedor”, unha situación que se prolongou no tempo ata que decidiu dar o paso e denunciar.

A portavoz socialista, Victoria Doforno Morenza, subliñou que as edís socialistas “estaremos unha e mil veces a carón das vítimas, desta vítima e das mulleres que dan o paso e denuncian”, e engadiu que tamén estarán “do lado da igualdade, dos principios universais, do respecto e a dignidade, dos dereitos fundamentais e dos valores democráticos”. Nese senso, afirmou que “contra o acoso, tolerancia cero”.

Morenza explicou que a decisión de abandonar o goberno municipal responde á falta de medidas eficaces para protexer á vítima e á demora en actuar fronte ao presunto acosador. Aclarou que “non tomamos medidas antes, sabedoras do que acontecía, porque respectamos os tempos da vítima”, aínda que si puxeron os feitos en coñecemento do alcalde. Segundo denunciou, as decisións adoptadas provocaron que a vítima tivese que solicitar unha baixa psicolóxica entre o 14 de agosto de 2024 e o 22 de xaneiro de 2025.

A portavoz tamén criticou que o ex concelleiro implicado fose despedido publicamente con eloxios, unha circunstancia que, segundo indicou, agravou a situación da vítima. “O máis importante é apoiar a vítima, que se atopa nunha situación de indefensión e vulnerabilidade, por riba de calquera cargo político ou interese doutro tipo”, sinalou, engadindo que “non é momento de andar de rodaxe na televisión” senón de respaldar á afectada.

As concelleiras socialistas defenderon a súa saída do goberno municipal por “interese xeral de Barbadás e por dignidade”. En palabras de Morenza, “non era digno seguir cun goberno que traizoou os principios que representamos, cun alcalde que carece de credibilidade e moralidade e que, polo tanto, non podemos perpetuar”.

Durante o pleno, a portavoz esixiulle ademais ao alcalde que “pida desculpas públicas por facer públicas cuestións da vida privada das persoas”, tras mencionar datos persoais dunha das mulleres afectadas. Tamén asegurou que existen “máis mulleres que sufriron este mesmo patrón de acoso” por parte do ex concelleiro e avanzou que a vítima estuda a presentación dunha denuncia xudicial.

CRONOLOXÍA DOS FEITOS

Segundo explicou o Grupo Municipal Socialista, os feitos remóntanse ao 1 de agosto de 2024, cando as concelleiras Victoria Doforno e Ana Belén Peleteiro puxeron en coñecemento do alcalde unha situación de presunto acoso sexual. Ese mesmo día, a vítima reuniuse co rexedor e coas edís socialistas para analizar as mensaxes recibidas por parte do daquela concelleiro, sen que, segundo denunciaron, se adoptase ningunha medida.

Ao día seguinte, o 2 de agosto, a vítima volveu quedar exposta publicamente ao ter que compartir un acto institucional co presunto acosador durante a presentación dun equipo de fútbol feminino, sen que se producise intervención ningunha por parte do alcalde. Poucos días despois, o 14 de agosto, a afectada tivo que solicitar unha baixa psicolóxica que se prolongou ata o 22 de xaneiro de 2025.

Máis dun mes despois de que o alcalde tivese coñecemento dos feitos, o 6 de setembro de 2024, o concelleiro implicado dimitiu do seu cargo, unha saída que, segundo o PSOE, se produciu acompañada de eloxios públicos por parte do rexedor. Posteriormente, e malia que a vítima continuaba de baixa, o alcalde volveu contactar con ela en varias ocasións, enviándolle audios o 11 de setembro e chamándoa de novo o 1 de outubro e o 31 dese mesmo mes para lembrarlle a súa obriga de asistir a un pleno.

Xa en decembro de 2025, o día 12 dese mes, o alcalde difundiu un comunicado noutro contexto no que reclamaba dimisións ante presuntos casos de acoso sexual. Tres días despois, o 15 de decembro, a vítima decidiu presentar unha denuncia a través da canle interna do partido e anunciou que estuda a posibilidade de acudir á vía xudicial.

⚙ Configurar cookies
0.08783483505249