O PSdeG de Ourense aposta polo soterramento da Avenida Otero Pedrayo

OurenseXa
Carmen R. Dacosta sinala que da man José Ramón Gómez Besteiro “apostaremos polo soterramento, pola humanización da zona, o aumento das zonas verdes, por lograr unha cohesión entre a universidade e o barrio das Lagoas e por garantir a seguridade viaria”
PSdeG_Ourense_Otero_Pedrayo
5 Feb 2024

O PSdeG-PSOE apostará polo soterramento da Avenida Otero Pedrayo para lograr unha mellor “cohesión” da universidade coa cidade, rachando coa actual situación de illamento e desconxestionando o tráfico dunha das principais arterias de entrada a cidade. Os e as socialistas sinalan que a partir do 18 de febreiro, con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte da Xunta de Galicia, Ourense apostará por infraestruturas que melloren as conexións, faciliten a mobilidade e permitan humanizar estes puntos da cidade.

A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense estivo esta mañá na avenida de Otero Pedrayo comprobando de primeira man a situación desta estrada, punto neurálxico de entrada a cidade, e que foi reformada polo goberno autonómico do PP nunha obra “low cost” e “totalmente insuficiente” para responder as demandas da veciñanza. Os e as socialistas sinalan que “estamos falando dunha estrada, a OU-536 ao seu paso pola cidade, pola que circulan a diario máis de 15.000 vehículos, pois é a principal vía de comunicación cos polígonos industriais das contornas, urbanizacións e concellos moi vencellados á cidade de Ourense”.

A cabeza de lista dos e das socialistas ourensás ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, explica que o soterramento de Otero Pedrayo “xa era unha necesidade que o concello de Ourense, gobernado polos socialistas, e a Universidade de Vigo asumiron no ano 2008”. Sen embargo, tal e como subliña a futura parlamentaria socialista, “o PP deu as costas a este proxecto e Feijóo, Rueda e Ethel Vázquez apostaron por unha reforma low cost e por parcheos cutres, impedindo a cohesión e conexión da universidade coa cidade”.

“O único que fixo o PP foi construír dúas rotondas, instalar uns semáforos, dotar de novos pasos de peóns e empregar céspede artificial para adornar as glorietas”, apunta Rodríguez Dacosta. A nº 1 do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia fai fincapé en que da man de José Ramón Gómez Besteiro “apostaremos polo soterramento da avenida Otero Pedrayo, pola humanización da zona, o aumento dos espazos verdes, por lograr unha cohesión entre a universidade e o barrio das Lagoas e por garantir a seguridade viaria”.

Os e as socialistas aproveitan para denunciar a “chapuza” executada polo Partido Popular, con semáforos a saída das rotondas que “non fan máis que conxestionar a zona de tráfico e impedir unha unión eficaz neste punto da cidade”. Pero tal e como argumentan “isto cambiará da man dun goberno socialista ao fronte da Xunta, que si pensa en rachar coas barreiras que separan a cidade e en unir barrios e infraestruturas clave”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20455598831177