O PSdeG de Ourense avanza que impulsará a construcción dos centros de saúde do Vinteún e Mariñamansa
O PSdeG de Ourense asegura que, con José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta de Galicia, impulsarán a tan “agardada” construción dos centros de saúde do Vinteún e Mariñamansa que os ourensáns e as ourensás levan anos reclamando. Os e as socialistas acusan ao PP de Rueda e Feijóo de estar instaurados nas “promesas que non valen nada” e lémbranlles que en cada capítulo electoral prometen a construción destes centros de saúde, pero pasado o día das eleccións os proxectos “volven o caixón da desidia, a discriminación e marxinación á cidade e provincia”.
A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia denuncia que o PP “é experto en prometer para logo non executar nada” e acusan a Rueda de “non ter proxecto para solucionar os problemas de Ourense”. Os e as socialistas poñen o foco na sanidade “destruída polos recortes atroces e o desmantelamento masivo de servizos ao longo e ancho da provincia”. A esta situación súmanse os incumprimentos en infraestruturas, xa que tal e como apuntan os candidatos e as candidatas “os novos centros de saúde pendentes no Vinteún, Mariñamansa, A Rúa, Ribadavia ou Carballiño seguen agardando para seren construídos”.
A candidata do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, alerta de que sanidade pública en Galicia, da man do PP de Rueda e Feijóo “está nun continuo proceso de desmantelamento, con 1.000 profesionais menos ao servizo da cidadanía e coa atención primaria colapsada”. A cabeza de lista dos e das socialistas ourensás subliña que no PSOE “levamos anos reclamando a construción dos centros de saúde do Vinteún e Mariñamansa, pero sempre nos atopamos co voto en contra do PP”.
Rodríguez Dacosta sinala que da man de José Ramón Gómez Besteiro, ao fronte da Xunta de Galicia, “acabarase o reinado do trilerismo no goberno autonómico e as promesas electorais incumpridas por parte do PP”. “Con Besteiro dotaremos a sanidade do persoal necesario, reduciremos as listas de agarda e contruiremos estes dous centros de saúde que tanto reclama a cidadanía para aliviar a situación dos centros da Ponte e A Cuña, actualmente saturados polo alto volume de pacientes”.
No caso do centro de saúde do Vinteún, os e as socialistas levan dende 2010 pelexando pola súa construción, tras facilitar o entón goberno municipal socialista posibles localizacións para a súa construción. Fai escasamente uns meses o PSdeG presentaba emendas aos orzamentos da Xunta, nas que figuraban partidas específicas para a construción dos centros de saúde do Vinteún e Mariñamansa, pero o PP votou en contra. “Rueda ven agora prometendo estes centros de saúde, cando el mesmo e o seu mentor, Feijóo, impediron a posta en marcha destas infraestruturas sanitarias vitais para a cidade”, denuncia Carmen R. Dacosta.