O PSdeG de Ourense critica a decisión do Concello de vetar as feiras na rúa do Paseo
O grupo socialista lamenta que o caos organizativo do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, chegue tamén ao fomento e potenciación do comercio local ourensán. “Onte o executivo informou, a través dunha nota de prensa, de que non se poderán realizar feiras e obradoiros na rúa do Paseo”, afirmou a edil do PSdeG Cristina Cruz Fernández.
O argumento esgrimido dende o goberno para adoptar dita decisión é que “non procede en absoluto realizar unha feira no medio dunha rúa, invadíndoa” e que se habilitarán “espazos máis axeitados” para elo en parques e prazas da cidade. “Esta nova improvisación causa malestar e inquietude na organización de exposicións e obradoiros que xa estaban planificados para celebrarse alí”, explicou sobre os eventos axendados para as vindeiras semanas.
Ante esta situación, as e os edís do grupo municipal socialista pregúntanse “que medidas de difusión se levarán a cabo” para dar a coñecer as novas ubicacións dende o Concello de Ourense e se realmente dispón o executivo de Jácome “dunha folla de ruta para incentivar o comercio e a cultura local”.
Por outra banda, a rúa do Paseo é unha das máis transitadas da cidade e dende o PSdeG reclaman saber se hai estudos que incentivaran a decisión anunciada onte. “Existe algún informe que avale esta medida elaborado polas concellerías competentes en Comercio ou Seguridade Cidadá ou só nos atopamos ante unha nova teima do rexedor?”, rematou advertindo a edil.