O PSdeG de Ourense denuncia a destrucción do sistema sanitario na provincia

OurenseXa
A candidatura socialista por Ourense mantivo un encontro con representantes da comisión de centro do CHUO para escoitar as reivindicacións e demandas dos profesionais da saúde pública
PSOE_Ourense_Chuo
29 Xan 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter esta mañá un encontro con representantes da comisión de centro do CHUO para escoitar as súas demandas e reivindicacións ante a crise “sen precedentes” que está vivindo a sanidade pública na provincia de Ourense. As e os socialistas denuncian que os recortes “atroces e masivos” do PP e a política de desmantelamento sanitario e precarización dos contratos, exercida por Alfonso Rueda, está xerando a “completa” destrución do sistema sanitario na provincia.

A candidatura do PSdeG-PSOE por Ourense, encabezada por Carmen Rodríguez Dacosta e Nacho Gómez Pérez, critica as “duras condicións de precariedade e temporalidade” que sofre o persoal activo sanitario no Complexo Hospitalario de Ourense e na provincia. Os e as socialistas destacan que outro dos principais problemas radica nas listas de agarda para recibir atención médica que “supera xa en moitos casos os 10 días para poder acudir a consulta na atención primaria”, unha situación que tal e como afirman “está colapsando o servizo de urxencias do CHUO, xa de por si saturado”.

Da man de José Ramón Gómez Besteiro ao fronte da Xunta de Galicia a partir do 18 de febreiro, os e as socialistas anuncian a posta en marcha dun plan de choque para “reducir os tempos de espera e garantir a atención nun prazo máximo de 48 horas”. Neste senso tamén apuntan a que o candidato socialista á presidencia da Xunta “conta cun proxecto para reverter a situación sanitaria, coa convocatoria de prazas nas diferentes especialidades deficitarias e tamén para as vinculadas a atención primaria nos centros de saúde da provincia”.

A candidata do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, subliña que a situación da sanidade pública na provincia de Ourense “é dramática, cunha ratio media de médico por paciente moi baixa”. A futura parlamentaria socialista esgrime tamén que as ratios “deben ser estudadas, para solucionar a grave problemática da atención sanitaria, ao igual que os problemas da UCI, que non pode ofrecer un servizo digno e de calidade ante a agravante falta de persoal”.

Rodríguez Dacosta tamén destaca a necesidade de que o CHUO conte cunha unidade de xeriatría, como a que hai en Vigo, xa que tal e como apunta “estamos nunha das provincias máis envellecidas do país, polo que precisamos deste servizo para poder darlle a mellor atención posible aos e ás nosas maiores. A cabeza de lista da candidatura do PSdeG-PSOE fai fincapé en que da man de Besteiro “poremos en marcha un plan na atención primaria, para reestruturar os servizos e dotar de maiores recursos humanos e materias os centros médicos da provincia e o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”.

Pola súa banda, o candidato socialista pola provincia de Ourense, Nacho Gómez Pérez, salienta que na reunión “transmitíronnos informacións moi preocupantes” e apunta a que “queremos agradecer a labor dos e das profesionais sanitarias, que traballan nunhas condicións moi precarias e fan unha tarefa encomiable”. O número 2 da candidatura do PSOE ourensán pon o foco na política do PP ao que acusa de “destruír a sanidade pública, cunha pésima xestión ao fronte da Xunta e que só busca poñer paus nas rodas para acabar impulsando o modelo privatizador que Rueda quere para a sanidade en Ourense e Galicia”.

Gómez Pérez salienta que da man de Besteiro “pararemos esta deriva na sanidade pública, impulsando plans e proxectos que permitan recuperar unha atención de calidade e digna para os ourensáns e as ourensás”. O candidato socialista tamén apunta a que en pediatría “garantiremos un servizo en todo o territorio, de tal xeito que tódolos concellos teñan acceso a un profesional de pediatría de proximidade e reforzaremos os servizos en centros clave como son as capitais de comarca”.

0.11898398399353