O PSdeG de Ourense esixe á Deputación axudas para os gandeiros afectados pola EHE

OurenseXa
“A Deputación ten que actuar á maior brevidade para dotar de garantías ás moitas familias que dependen da actividade neste ramo”, sostén a deputada socialista Elvira Lama
grupo-provincial-socialista-ourense
Grupo Provincial Socialista de Ourense
17 sep 2024

O Grupo Provincial Socialista presenta unha moción para que a Deputación de Ourense active un programa de axudas dirixidas aos gandeiros afectados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) con vistas a paliar as perdas das explotacións e garantir a estabilidade do sector. “Por mor da tardanza da Xunta en reaccionar fronte ao andazo, que afecta de cheo aos gandeiros da nosa provincia, e do limitado dos subsidios, que non cobren as perdas reais, a Deputación ten que actuar á maior brevidade posible para dotar de garantías ás moitas familias que dependen da actividade neste ramo”, finca Elvira Lama, deputada socialista na institución provincial.

“Mentres a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, que ten as competencias gandeiras na nosa comunidade, non poña en marcha medidas concretas para paliar as perdas dos gandeiros, a Deputación debe activar liñas de axuda específicas para paliar os déficits e as perdas”, explicou Lama na presentación da iniciativa en Parada de Sil, onde estaba acompañada polo alcalde do concello, Aquilino Domínguez, e das deputadas e deputados socialistas na institución provincial.

Domínguez, rexedor do PSdeG-PSOE en Parada de Sil, municipio que pertence a Terras de Caldelas, unha das catorce comarcas veterinarias nas que se divide a provincia de Ourense e que resultaron afectadas pola EHE, amosou a súa total solidariedade co sector e pediulle á Xunta que actúe dunha vez. Segundo este, “a Consellería (de Medio Rural) non ten os deberes feitos, nin unha folla de ruta clara, nin habilitou axudas acaídas coas necesidades dos profesionais, o cal xera unha gran inseguridade no ramo”.

Inacción da Xunta

A infección está a provocar grandes perdas nas granxas de vacún de Ourense, nomeadamente por mor de consultas veterinarias, aplicación de medicamentos, traballos de desinfección, vacinas, mortes de animais adultos, abortos e descenso na rendibilidade das reses. “Existe unha gran desconexión entre Consellería e o que acontece no terreo. Botamos en falta que a conselleira visite as explotacións para coñecer de primeira man as urxencias e necesidades dos profesionais, que vexa a auténtica amplitude dos estragos na cabana gandeira da bisbarra”, declarou Domínguez.

Alén da falta de previsión da Consellería, os gandeiros denuncian a falta de información e o exceso de burocracia para solicitar axudas. “Amais, os gandeiros apenas chegan a recibir a axuda dos servizos veterinarios públicos, que son nomeadamente escasos na provincia de Ourense, non contando tampouco cun laboratorio de sanidade animal, como si teñen o resto de provincias galegas”, destaca Lama.

“Para colmo, a Xunta de Galicia bota balóns fóra, supeditando a súa actuación á activación de axudas por parte do goberno central, se ben as competencias e a capacidade económica residen no goberno autonómico”, laiase a deputada socialista. “Entrementres, a Deputación ten que actuar porque está en xogo a propia supervivencia das explotacións, das que dependen tantos fogares na nosa provincia!”, sentenza Lama.

0.21735405921936