O PSdeG de Ourense pedirá no Parlamento a convocatoria do Consello Municipal de Servizos Sociais

OurenseXa
Presentarán unha iniciativa para instar ao executivo autonómico a que obrigue ao Concello de Ourense a convocar este órgano “ante a pasividade do goberno de Jácome”
Carmen Rodriguez Dacosta
Carmen Rodríguez Dacosta
24 Feb 2025

Acaba de cumprirse un mes dende que as entidades do terceiro sector en Ourense comezaron a solicitar por rexistro, á concelleira responsable da carteira, a convocatoria do Consello Municipal de Servizos Sociais para abordar asuntos de gran importancia “como as subvencións por concorrencia competitiva, a ampliación do crédito destinado ás mesmas, que non foi aumentada nos últimos anos, ou as necesidades e incidencias urxentes na intervención social”, explican os socialistas ourensáns.

“Ante a pasividade do goberno de Gonzalo Pérez Jácome”, os socialistas levarán ao Parlamento de Galicia, da man da deputada Carmen Rodríguez Dacosta, unha iniciativa para instar ao executivo autonómico a que, en virtude do que establece a lexislación e fronte a omisión da súa responsabilidade por parte do goberno municipal, obrigue ao Concello de Ourense a convocar este órgano de consulta e información clave para o tecido asociativo. Así llo trasladaron, durante unha visita ás súas instalacións, a representantes de Por Eles TEA á que asistiron tamén a deputada no Congreso Marga Martín Rodríguez e a portavoz do PSdeG na Administración local, Natalia González Benéitez.

“O executivo de Gonzalo Pérez Jácome non debe só convocar este órgano, senón facelo con regularidade para dar resposta ás necesidades das asociacións da cidade e abordar, entre outros asuntos, a configuración das subvencións oportunas para que poidan prestar un servizo aos seus usuarios e usuarias de calidade e de xeito planificado”, indicou a voceira facendo referencia ás subvencións de exercicios pasados que aínda adebeda o Concello de Ourense a algunhas entidades do terceiro sector na cidade.

E lembran que non só non se incumpriu, polo de agora, o compromiso con esta asociación para persoas con espectro do trastorno autista, senón que o propio sistema de subvencións padece retrasos que leva a non percibir as contías económicas da Administración local dende hai dous anos.

Tamén reclaman as e os socialistas un compromiso público por parte do goberno local e autonómico para facilitar a Por Eles TEA unhas instalacións máis amplas, acorde coas necesidades particulares e actuais dos e das usuarias da mesma.

⚙ Configurar cookies
0.051768064498901