O PSdeG de Ourense reclama ao Concello que pague “en tempo e forma” as axudas ao terceiro sector

OurenseXa
Denuncian que “a promesa por parte do executivo local de que cobrarán, sen unha previsión exacta de cando será, dificulta en moitos casos que as asociacións poidan organizar a súa actividade”
psoe-ourense-por-eles-tea
28 Jan 2026

O grupo socialista de Ourense volveu preguntar esta semana, na Xunta de Área de Servizos Sociais, cando cobrarán as entidades do terceiro sector as axudas municipais correspondentes aos anos 2023, 2024 e 2025. Trátase dunha cuestión que xa formularan no pleno ordinario do mes de xaneiro e en anteriores sesións dos órganos colexiados do Concello de Ourense.

Desde o PSdeG advirten das dificultades que xera a falta de concreción por parte do goberno local. “A promesa por parte do executivo local de que cobrarán, sen unha previsión exacta de cando será, dificulta en moitos casos que as asociacións poidan organizar a súa actividade”, sinalou a portavoz socialista, Natalia González.

A portavoz realizou estas declaracións tras visitar as instalacións de Por Eles TEA, onde trasladou ao equipo directivo da entidade que o grupo socialista continuará reclamando o pagamento destas axudas municipais pendentes.

González, que é tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade, lembrou que estas entidades desempeñan un papel esencial no funcionamento da sociedade ourensá e denunciou que “nunca cobran en tempo e forma” malia o importante traballo que realizan. Ademais, subliñou que se ven obrigadas a presentar ano tras ano as súas programacións para o curso seguinte sen contar co orzamento necesario para desenvolvelas.

⚙ Configurar cookies
0.078336000442505