O PSdeG de Paderne de Allariz esixe ao Concello potenciar os servizos sociais

OurenseXa
Piden eliminar a lista de agarda no servizo de axuda no fogar que “non cubre toda a demanda existente por parte da veciñanza”
antonio-estevez-psdeg-paderne
Antonio Estévez, PSdeG-PSOE de Paderne de Allariz
24 Mar 2025

O PSdeG-PSOE de Paderne de Allariz vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno municipal na que insta ao concello a potenciar os servizos sociais e a eliminar a lista de agarda aos beneficiarios da lei de dependencia. As e os socialistas consideran “indispensable” unha mellora no servizo de axuda no fogar, xa que tal e como apuntan “estamos nun concello cunha media de idade moi envellecida e na que a veciñanza precisa dun servizo de calidade e efectivo”.

Dende o grupo municipal socialista en Paderne de Allariz denuncian que na actualidade “existe unha lista de agarda que impide que aquelas persoas que o desexen poidan acceder ao servizo de axuda no fogar, unha vez se lles concede a dependencia”. Neste senso, as e os socialistas pídenlle ao concello que ademais de axilizar os trámites para rematar ca lista de agarda, “é primordial reforzar o plantel actual de traballadoras e traballadores, que actualmente non é suficiente para cubrir a demanda existente”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Paderne de Allariz, Antonio Estévez Blanco, explica que “actualmente o servizo de axuda no fogar préstase con persoal do propio concello, pero non se cobre toda a demanda existente por parte da veciñanza”. O edil socialista pon o foco en que “é imprescindible que o goberno municipal se implique nesta tarefa para contar cun servizo que cubra correctamente as necesidades da veciñanza que así o demande, xa que non fai máis que aumentar co paso do tempo”.

Na actualidade o concello de Paderne de Allariz presta dous tipos de axuda. A básica que se presta aos que poidan necesitar axuda e a Xunta non realizase a valoración pertinente e a concedida pola Xunta, que se refire a persoas as que xa se lle concedeu a Lei de Dependencia, normalmente despois duns 10 a 12 meses de agarda.

“O SAF é un servizo capital en Paderne de Allariz, que cada vez é máis demandado debido ás particulares condicións socio demográficas do municipio e da provincia”, subliña Estévez Blanco. O voceiro socialista tamén apunta a que “os municipios pequenos, que somos a maioría, sufrimos en primeira persoa a carencia de recursos e o incremento de horas de servizo sen que a Xunta procedese a taxar de xeito acaído os custos, derivando nunha desfeita para os nosos orzamentos, que xa son moi axustados”.

⚙ Configurar cookies
0.071753978729248