O PSdeG de Ribadavia denuncia o estado das estradas da comarca
O PSdeG-PSOE denuncia en Ribadavia as “chapuzas” da Xunta e da conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, nas estradas e infraestruturas da vila e da comarca. Os e as socialistas acusan ao PP de aparecer na capital do Avia con asfaltados “electoralistas”, para “abandonar” despois estas infraestruturas, deixándoas sen rematar e sen pintar, co conseguinte perigo e risco que supoñen para a circulación viaria.
Os candidatos e candidatas do PSdeG-PSOE de Ourense estiveron esta mañá en Ribadavia, para comprobar de primeira man o modelo de arranxo de estradas do Partido Popular dende a Xunta de Galicia. Os e as socialistas achegáronse ata a OU-801 que comunica Ribadavia con Pontebarxas e na OU-504 ao seu paso por San Cristovo, ambas de titularidade autonómico e o mellor exemplo do “desleixo” co que o PP trata a esta comarca.
No relativo a OU-801, os e as socialistas explican que foi asfaltada en verán “coincidindo cos comicios electorais ao Goberno do Estado”, pero tal e como relatan e se pode comprobar “seis meses despois do asfaltado, as liñas seguen sen pintar”. En relación a OU-504 ao seu paso por San Cristovo, os candidatos e candidatas do PSdeG-PSOE de Ourense denuncian que as obras de asfaltado “quedaron a medias, xa que a Xunta non cumpriu co prometido, de humanizar beirarrúas e continuar co proxecto iniciado polo Goberno central, a través da Confederación Hidrográfica, que permitiu humanizar un treito das beirarrúas deste núcleo de poboación”.
O candidato do PSOE ao Parlamento de Galicia, Nacho Gómez Pérez, fai fincapé en que “estamos ante unha nova desfeita da que podemos denominar como conselleira dos derrubamentos, Ethel Vázquez”. O número 2 da candidatura socialista por Ourense critica o que considera unha “auténtica chapuza” do Partido Popular, que arranxou a estrada OU-801 no mes de verán, “pero 6 meses despois segue sen pintar e atopámonos con escusas de todo tipo, pero sen solucións para solucionar a grave carencia que supón a ausencia de liñas delimitando os carrís, e que provocan un grave risco para a circulación de vehículos”.
Gómez Pérez tamén pon o foco na OU-504, ao seu paso por San Cristovo, afirmando que “este é un exemplo do mal facer da Xunta e do bo facer do Goberno central”. Neste senso lembran que hai un tramo humanizado, trala execución por parte do concello e da Confederación Hidrográfica da reforma das beirarrúas, pero tal e como relata o candidato socialista “atopámonos cun treito sen arranxar, que pertence ao goberno galego e que en 5 anos foron incapaces de executar, a pesar de terse comprometido a elo”. Tamén subliña que o PP “promete que traerá millóns e unha morea de cartos, pero a realidade son parches cutres e un estado calamitoso das estradas”.
Pola súa banda, a candidata ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, sinala que en política “hai que xestionar e planificar e estamos diante dun modelo, o do PP, que non é capaz nin de optar pola planificación, nin pola execución, a diferenza do PSOE, que dende o Goberno central planifica, executa e humaniza o territorio”. A cabeza de lista dos e das socialistas de Ourense afirma que da man de José Ramón Gómez Besteiro “Ribadavia e a provincia de Ourense terán un proxecto baseado na planificación e a xestión”.
Rodríguez Dacosta apunta a que os e as socialistas “temos un proxecto para Ourense, que confronta cos parcheos e as obras inacabadas de Rueda e Ethel Vázquez, que non pensan nin na veciñanza, nin na seguridade viaria”. Neste senso finaliza destacando que “o primeiro paso para mudar esta situación é mudar o goberno da Xunta e apostar por políticas pensadas para todos e todas”.