O PSdeG denuncia o "desmantelamento" da sanidade pública na provincia de Ourense

OurenseXa
Os socialistas denuncian os "recortes atroces que o Partido Popular está levando a cabo dende a Xunta de Galicia e que afectan tanto a atención primaria como aos especialistas que dan servizo nos hospitais comarcais"
Acto do PSdeG-PSOE en Riós
Acto do PSdeG-PSOE en Riós
16 sep 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou esta fin de semana un encontro en Riós para falar da situación da sanidade pública na bisbarra de Verín e na provincia de Ourense. As e os socialistas puxeron o foco no “desmantelamento” de servizos e os “recortes atroces” que o Partido Popular está levando a cabo dende a Xunta de Galicia e que afectan tanto a atención primaria como aos especialistas que dan servizo nos hospitais comarcais.

Nun acto que contou coa presenza dun cento de persoas chegadas de diferentes puntos da comarca e da provincia, o PSdeG-PSOEde Ourense aproveitou tamén para lembrar as mobilizacións contra o peche do paridoiro do Hospital Comarcal de Verín, cando se van cumprir 5 anos destas protestas que levaron a Feijóo a recuar na súa decisión. No encontro estiveron presentes diferentes cargos socialistas na bisbarra e provincia, así como militantes e veciños e veciñas que non se quixeron perder as intervencións do ex ministro de Sanidade, José Miñones; do xinecólogo, Javier Castrillo; do secretario provincial, Rafa Villarino; do alcalde de Verín, Gerardo Seoane; ou das concelleiras en Riós e Vilardevós, Marina Vaz e Marina Lovelace.

O ex ministro de Sanidade e voceiro desta materia na executiva nacional do PSdeG, José Miñones Conde, denunciou durante a súa intervención “o deterioro que sufriu a sanidade pública dende a chegada do PP á Xunta de Galicia”. Neste senso sinalou que a sanidade, “lonxe de mellorar, empeora e as previsións futuras non son boas debido a falta de profesionais, o aumento das listas de agarda, a privatización de servizos ou o peche de diferentes centros”.

“O PP leva 15 anos gobernando en Galicia e non foi quen de dar solucións aos problemas actuais, a pesares de contar con máis transferencias e axudas do Estado ca nunca”, sinalou Miñones. O ex ministro aproveitou tamén para lembrar as propostas dos e das socialistas, sinalando que “en xuño xa presentamos un primeiro paquete de medidas urxentes para a súa posta en marcha, como a cobertura de tódalas prazas vacantes, o incremento por riba da media das retribucións dos MIR, a creación de grupos de traballo con autonomía nos centros de saúde, o incremento do orzamento, ou as melloras na atención primaria”.

Pola súa banda, Javier Castrillo Gutiérrez, xinecólogo no Hospital Comarcal de Verín, e un dos artífices das mobilizacións contra o peche do paridoiro, aproveitou para lembrar todo o acontecido durante eses días, nos que Verín e a comarca fixeron recuar ao Partido Popular. Sinalou que os hospitais comarcais e o rural en xeral “son para a administración como o avó incómodo da familia, ao que se lle intenta, con xustificacións peregrinas para a conciencia, encontrar acomodo onde non estorbe”. Neste senso subliñou que “é unha vía morta, sen perspectivas nin proxectos de futuro”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, fixo fincapé en que a sanidade pública “é clave para o mantemento dun territorio, pois doutro xeito a poboación vese obrigada a desprazarse a lugares que garantan os servizos de saúde”. Tamén destacou que a veciñanza de Verín e da súa bisbarra “foron conscientes dos riscos para os servizos médicos e para a propia supervivencia da súa terra, e erguéronse cunha única voz contra a afronta que pretendía levar a cabo o PP no hospital comarcal de Verín, co peche do paridoiro”. Lembrou que o PSdeG-PSOE “foi un dos actores principais nesta batalla, provocando unha reacción do Partido Popular con moi malas mañas, pero non lle serviron para impedir o triunfo da vontade do pobo”.

O senador pola provincia de Ourense sinalou que “só teremos unha sanidade digna se persistimos na loita, como se fixo durante as mobilizacións contra o peche do paridoiro”. Villarino finalizou afirmando que o obxectivo de entón e de hoxe “segue sendo o mesmo, que a Xunta e o PP rectifiquen e poñan fin aos recortes e desmantelamento sanitario no rural”.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo; e as concelleiras en Riós e Vilardevós, Marina Vaz Quintillán e Marina Lovelace Guisasola, interviron para falar sobre a situación sanitaria nos seus respectivos municipios e fixeron un chamamento a “por fin a política de destrución do PP e loitar e mobilizarse en favor da sanidade pública e duns dereitos e servizos dignos, tal como precisa a veciñanza”.

0.20562815666199