O PSdeG esixe a comparecencia pública urxente do Goberno de Jácome sobre o estado real dos fondos estatais

O PSdeG de Ourense alerta da situación xerada arredor de varios expedientes vinculados a fondos estatais destinados a investimentos estratéxicos para a cidade que, segundo denuncian, “evidencia unha grave falta de planificación, control e responsabilidade política por parte do goberno municipal”.
As concelleiras socialistas explican que actuacións xa executadas chegaron ao pleno extraordinario e urxente celebrado este sábado “nun contexto límite” e que estivo marcado por discrepancias técnicas que califican “de enorme relevancia” entre órganos municipais e “pola ausencia dunha información clara, rigorosa e transparente sobre o estado real da xustificación dos fondos”.
“Non estamos ante un problema sobrevido nin inevitable”, advirte a voceira socialista, Natalia González, senón “ante o resultado directo dunha xestión política deficiente, que conduce á cidade ao bordo da perda de fondos públicos esenciais para investimentos que xa están feitos e que responden ao interese xeral”.
Ademais, critican que o pleno se convocara “sen explicacións previas nin un informe completo posto a disposición dos grupos municipais”, e alertan de que isto “non pode servir para agochar responsabilidades nin para normalizar a improvisación como forma de goberno”.
Por todo o anterior, o grupo municipal socialista esixe “a comparecencia urxente do goberno municipal, coa presentación dun informe técnico e político exhaustivo” que dea resposta clara e documentada sobre o desglose da situación actual dos investimentos afectados a subvencións (estado de execución, pago e xustificación), o estado exacto de cada un dos fondos estatais afectados, os prazos de execución e de xustificación, e en que momento se produciron os incumprimentos, as decisións políticas adoptadas ao longo do proceso e quen asumiu esas decisión, o risco económico real para o Concello e para a cidadanía no caso de perda total ou parcial dos fondos e as medidas correctoras inmediatas e estruturais que se van adoptar para evitar que unha situación semellante volva producirse.
“A xestión dos fondos públicos non pode seguir baseándose na improvisación, na opacidade nin na falta de previsión”, critican as socialistas, que alertan de que “o que está en xogo non é un expediente máis, senón diñeiro público, credibilidade institucional e respecto pola cidadanía”.