O PSdeG insta á Deputación de Ourense a tomar medidas para controlar a lexionela

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense presenta unha iniciativa para abordar a proliferación da bacteria da lexionela, que se conforma como unha das principais preocupacións de saúde pública da provincia. A través desta iniciativa, os socialistas buscan impulsar un plan coordinado que permita previr e controlar potenciais brotes do andazo, garantindo así a seguridade e a protección da veciñanza e tamén do sector turístico, nomeadamente o termal, que é un dos motores económicos de Ourense.
Nesta mesma liña o voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense, Álvaro Vila Araújo, subliña que “a lexionela non é só un problema de saúde pública, senón que tamén é unha ameaza directa ao noso sector turístico e á imaxe que proxectamos como provincia”. “Asistimos a un incremento alarmante de casos de lexionela, con cifras que nos sitúan como a provincia máis afectada. Non podemos seguir de brazos cruzados, sendo a responsabilidade da Deputación liderar un esforzo común para protexer ás persoas e soster a nosa economía local", di Vila.
Segundo datos oficiais do ministerio de Sanidade, en 2022 rexistráronse 33 casos de febre dos lexionarios na provincia, sendo esta a cifra máis alta da última década. A taxa de incidencia situouse en Ourense en 2,8 casos por cada 100.000 habitantes, case o dobre da media estatal.
Recursos e sensibilización
A moción contempla a creación dun fondo destinado a apoiar aos concellos na adaptación e modernización dos seus equipamentos hídricos, garantindo o cumprimento da normativa en vigor. “Moitos concellos non teñen recursos para manter as súas instalacións en condicións óptimas e hai que garantir que ninguén se quede atrás na prevención da ameaza”, apunta o socialista.
A iniciativa do PSdeG-PSOE inclúe tamén o impulso de campañas informativas de sensibilización dirixidas á poboación, así como a organización de cursos de formación para técnicos e responsables de instalacións hídricas municipais, facilitando os coñecementos necesarios para minimizar os riscos asociados á lexionela. Segundo Vila, "a información e a formación son armas poderosas contra este problema. Debemos concienciar á sociedade e dar ferramentas ás persoas encargadas de manter as instalacións coa fin de que os eventuais riscos non cheguen a materializarse”.
Unha provincia máis segura e competitiva
O voceiro provincial socialista destacou que a problemática da lexionela non pode ser abordada de forma illada, senón que require dunha “acción coordinada entre administracións, empresas e cidadáns”. Neste sentido, Vila fincou o papel fundamental da Deputación como “ente promotor e coordinador de políticas territoriais que beneficien a toda a provincia”.
"Non podemos permitir que a imaxe de Ourense, recoñecida pola súa riqueza termal e natural, sexa danada por un problema para o cal dispomos de capacidades de prevención e control”, afirmou. “Esta moción é un paso firme cara a unha provincia máis segura e competitiva", concluíu Vila.