O PSdeG pide explicacións á Xunta polo presunto caso de racismo no transporte público de Allariz

As e os socialistas de Ourense presentarán unha batería de iniciativas ante o suposto comportamento racista dun condutor da empresa adxudicataria do transporte de autobús da Xunta de Galicia, a través da súa deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta que preguntará ao executivo autonómico sobre esta cuestión.
“O día un de maio, Día Internacional dos e das Traballadoras, eramos coñecedoras por un xornal local de que o pasado 11 de abril un grupo de refuxiados malienses padecían, presuntamente, un acto racista protagonizado por un empregado da compañía adxudicataria”, comeza explicando os antecedentes a voceira do partido no Concello de Ourense e secretaria de Política Social na Comisión Executiva Nacional Galega (CENG) do PSdeG, Natalia González Benéitez.
Os mozos que actualmente se atopan formándose na Fundación Laboral da Construción e o citado día cando volvían do centro en Vilamarín, onde estudan de luns a venres dende hai dous meses, ata o albergue xuvenil de Allariz no que residen foron obrigados a baixar do vehículo na parada da rúa Xoán XXIII.
“O autobús estaba completo e, ante esta situación, o condutor foinos sinalando un por un e obrigounos a baixar do autobús para que entraran as persoas usuarias que estaban esperando fóra nun comportamento que entendemos discriminatorio e fundamentado na súa orixe”, incide a deputada na Cámara galega.
Así as cousas, as e os socialistas preguntarán que medidas vai adoptar ou adoptou a Xunta de Galicia en relación coa empresa adxudicataria ante o grave caso de suposto racismo acontecido cos mozos malienses que cursan formación na Fundación Laboral da Construción. E solicitarán saber se no caso de que os feitos dean lugar á apertura dun proceso penal a Xunta de Galicia comparecerá no proceso.