O PSdeG promete recuperar unha sanidade pública de calidade na provincia
A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense destaca en Verín que con José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta de Galicia porase en marcha un plan de choque na atención primaria para rematar coas longas listas de agarda e recuperar os facultativos que Rueda e Feijóo foron eliminando ao longo dos últimos 14 anos. Os e as socialistas fíxanse como obxectivo mellorar as consultas de especialistas, con novos profesionais nos hospitais comarcais e recuperar o servizo de pediatría en Verín, desmantelado polo Partido Popular.
Candidatos e candidatas socialistas participaron esta mañá nun encontro relacionado coa sanidade, ás portas do hospital comarcal de Verín, no que tamén estivo presente o alcalde, Gerardo Seoane, así como voceiros, voceiras, concelleiros e concelleiras dos diferentes municipios da bisbarra. Os e as socialistas afirman que Verín “recuperará todos os servizos perdidos pola nefasta xestión do Partido Popular, que desmantelou a sanidade pública e que pretende privatizala, para que só uns poucos poidan recibir atención médica”.
A candidata do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, destaca que os últimos 14 anos, con Feijóo primeiro e con Rueda despois, “vivimos un desmantelamento total dos servizos, especialmente da sanidade pública”. A cabeza de lista dos socialistas ourensáns apunta a que en Verín “temos unha grave problemática na atención primaria, con listas de agarda que van dos 7 aos 10 días” e subliña que os verineses e as verinesas “tamén están sufrindo a falta de especialistas e falla de pediatra, que deixa a cativos e cativas sen unha atención esencial no centro de saúde”.
Rodríguez Dacosta afirma que da man de José Ramón Gómez Besteiro e do PSdeG “mudaremos a política sanitaria en Verín e na provincia, cun plan de choque para reducir as listas de agarda na atención primaria a un máximo de 48 horas”. Asemade, a candidata socialista destaca que “creemos na sanidade pública e de calidade para Ourense e remataremos con 14 anos de desmantelamento e marxinación sanitaria do PP”.
Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, apunta a que o hospital comarcal de Verín “é unha institución moi querida polos verineses e as verinesas, tal e como quedou demostrado nas numerosas loitas que levamos a cabo para manter os servizos, como no caso do paridoiro”. O rexedor fai fincapé en que “temos problemas en atención primaria pola falta de facultativos e tamén de especialistas, polo que solicitamos maior frecuencia de profesionais para poder prestar unha correcta atención á veciñanza”.
Seoane Fidalgo apela a “mudar a forma de facer política dende a Xunta de Galicia, para que os concellos poidan ter uns servizos dignos e non teñan que asumir competencias impropias, como acontece coa axuda no fogar, da que a Xunta se desentende e teñen que ser os propios concellos os que fagan fronte a este servizo”.