O PSdeG-PSOE de Ourense pecha a campaña de cara as europeas cun chamamento á mobilización por unha Europa “máis xusta"

OurenseXa
Lorena Guerra convidou aos ourensáns e as ourensás a “mobilizarse o domingo e a apostar por un proxecto europeo enfocado as políticas sociais, ao feminismo e as políticas verdes, un proxecto que traballe pola paz”
Peche da campaña do PSdeG-PSOE para as eleccións Europeas
8 Xuño 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense pecha a súa campaña electoral de cara as eleccións europeas do domingo facendo un chamamento á mobilización para loitar por unha Europa “máis xusta, democrática, igualitaria, que respecte o medio ambiente e que promova investimentos en infraestruturas, sanidade, educación ou dependencia”. As e os socialistas afirman que este 9 de xuño “Ourense xógase moito” e resaltan a importancia das eleccións europeas e de acudir ás urnas.

As e os socialistas aproveitaron o último día de campaña para facer balance da mesma ante os medios de comunicación e afirmaron que as eleccións do vindeiro domingo “son moi importantes para a nosa terra e por iso ninguén pode quedar na casa”.

A candidata ao Parlamento Europeo, Lorena Guerra Vigo, fixo balance da campaña levada a cabo polo PSdeG-PSOE de Ourense percorrendo cada comarca para “explicarlle á veciñanza a importancia das eleccións europeas”. Neste senso, puxo o foco en que o domingo “xogámonos a Europa que queremos para os vindeiros cinco anos”, subliñando que “temos dúas opcións unha Europa de avances ou de retrocesos, unha Europa dos dereitos, as liberdades a paz ou a xustiza social ou unha Europa que nos quere impoñer unha axenda regresiva da man da dereita e a ultradereita”.

“Convidamos aos ourensáns e as ourensás a mobilizarse o domingo e a apostar por un proxecto europeo enfocado as políticas sociais, ao feminismo e as políticas verdes, un proxecto que traballe pola paz”, afirmou Guerra Vigo. Por último tamén sinalou que “presentamos o mellor proxecto e a mellor candidata e saimos a gañar”.

O eurodeputado do PSdeG e candidato ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, sinalou que Europa é un proxecto “de democracia, paz e solidariedade” e que debe ter “os brazos abertos” a quen queira unirse a el. Recordou tamén que ese proxecto común naceu “contra as guerras”, como unha solución aos conflitos que devastaron o continente. Por iso, dixo, na loita “pola dignidade” e contra “masacre” de Gaza, galegos e españois “podemos ter a cabeza ben alta” ante o xuízo da historia.

“Europa xógase moito este domingo, e Galicia e España tamén”, advertiu. Trátase de avanzar polo camiño de “máis Europa, máis dereitos e liberdades” ou rebaixarse á lama e caer no retroceso das forzas reaccionarias, “que queren menos Unión Europea, menos democracia e menos liberdades”. Fronte a unha dereita “que se mimetiza coa ultradereita”, os socialistas foron quen de “parar” en España ás forzas reaccionarias, “e queremos facelo en Europa”.

0.19757890701294