O PSOE de Ourense presenta un ambicioso plan de vivenda para dinamizar o Casco Vello

OurenseXa
A proposta busca crear un parque público de vivenda no casco histórico, promover a vivenda colaborativa e cooperativa e un plan municipal de vivenda xuvenil e alugueiro público
psoe-ourense-plan-vivenda
Rolda de prensa do GMS de Ourense
3 Jun 2025

Os socialistas de Ourense presentaron esta mañá un completo e ambiacioso plan para loitar contra os problemas de vivenda na cidade, especialmente no Casco Vello. A proposta, elaborada conxuntamente, con Xuventudes Socialistas de Ourense, debaterase no pleno ordinario do mes de xuño.

“Entendemos que o que está en xogo é moito máis que este barrio, que é un dos máis importantes de Ourense. O que está en xogo é como entendemos a cidade”, comezaba explicando a edil do PSdeG no Concello de Ourense Alba Iglesias, durante a presentación da moción.

DINAMIZAR O CASCO VELLO A PARTIR DO PLAN REXURBE

Entre as propostas recollidas na iniciativa está a de instar ao Concello a garantir a adhesión ao Plan Rexurbe e o seu desenvolvemento acompañado da creación dunha comisión de seguimento, informes periódicos sobre a execución dos fondos destinados a rehabilitación do Casco Histórico e a actualización dun censo de vivendas baleiras e inmobles en estado de abandono.

“Esta área debería ser o corazón da nosa cidade e actualmente é unha ferida aberta posto que máis do 60% dos edificios se atopa en estado ruinoso ou avanzado de deterioro. O 50% dos inmobles están baleiras e, mentres tanto, os prezos do aluguer e de compra continúan subindo”, engadiu sobre a urxencia de actuar neste eido.

Iglesias criticou “que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome non estea a dar resposta a un dos problemas máis urxentes cos que se atopa non só a xente moza, senón tamén aquelas persoas que buscan formar unha familia ou proxecto de vida en Ourense e, cada vez máis, os e as xubiladas sen vivenda en propiedade”.

“O noso obxectivo”, di a edil, “é claro”. Así, propoñen crear un parque público de inmobles para promover o aluguer asumible, especialmente no Casco Histórico, e que crear un 20% de vivenda pública en 20 anos. Algo que, recoñece, “é ambicioso”, pero posible “con vontade política”, destacou ante a pasividade dos executivos autonómico e local.

PROMOCIÓN DE VIVENDA COLABORATIVA E COOPERATIVA

Outra das propostas incluídas no texto rexistrado, e para o que o grupo do PSdeG agarda obter o respaldo do resto dos grupos da oposición, é a de instar ao goberno municipal á reserva de solo para a dinamización de proxectos de promoción da vivenda colaborativa e cooperativa. “A vivenda ten que entenderse como un dereito e non como unha mercancía e quen o entenda así non debería gobernar Ourense. Esta proposta xa funciona en moitas cidades de Europa e está chegando a Galicia. Dóenos ver como están caendo os edificios a cachos cando poderían ser, perfectamente, fogares”, incidiu a edil socialista.

Pola súa banda, o secretario xeral de Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval, afirmou que a iniciativa persegue ser “un salvavidas” para que Ourense “se manteña a flote”. “Hai 10 anos que o PSOE non goberna esta cidade e a falta de previsión en materia urbanística e en materia de política de vivenda levou a unha suba desorbitada do prezo da mesma”, lembrou enumerando que os pisos que hai unha década se alugaban por 400 euros hoxe en día ronda os 640, e os que custaban 500 euros na actualidade se sitúan nos 800.

“800 euros supón máis do 60% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), do salario que cobra a xente nova. É dicir: de cada 10 que gañamos traballando e co noso esforzo, 6 teñen que destinarse a pagar o aluguer. Alugar é ter un fogar para hoxe e pasta con tomate para o resto do mes. Por iso o Partido Socialista e as Xuventudes Socialistas propoñemos solucións para os problemas da cidadanía”, incidiu ao respecto da precariedade actual que padece a xuventude que busca independizarse e as familias e persoas con menos recursos económicos.

PLAN MUNICIPAL DE ALUGUEIRO PÚBLICO E VIVENDA XUVENIL

Así as cousas, expuxo que a moción tamén inclúe instar ao executivo local á creación dun plan municipal de vivenda xuvenil e alugueiro público, que conte co apoio técnico e orzamentario, suficiente. “Se queremos que haxa un futuro para Ourense primeiro ten que haber un presente e nese presente temos que dispor de todas as ferramentas posibles. O goberno de España está poñendo en marcha o maior impulso de vivenda pública dos últimos 40 anos, mentres temos ao PP e a Jácome bloqueando calquera tipo de idea para poder promover a rehabilitación e a construción de vivenda protexida”, subliñou.

Por último, insistiu na importancia de que o executivo de DO poña en marcha incentivos e bonificacións fiscais en materia de rehabilitación e alugueiro para mobilizar vivenda e convertela en accesible. “A cuestión é moi simple: queremos que o Casco Histórico de Ourense dispoña de vida e un parque público de inmobles? Ou que simplemente sexa un aparcadoiro de libre albedrío para o alcalde?”, rematou contundente.

⚙ Configurar cookies
0.16454005241394