O PSOE presenta unha moción en defensa da liberdade de prensa tras o último agravio de Jácome contra os fotoxornalistas

OurenseXa
Tamén elevan unha queixa ante a Valedora do Pobo solicitando un “recurso de amparo institucional” contra as restricións á liberdade de prensa e os ataques aos profesionais da información por parte do Concello de Ourense
natalia-gonzalez
1 Dec 2025

O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense rexistrou unha moción para a súa aprobación na próxima sesión plenaria, coa que queren defender a liberdade de prensa, o dereito á información e o respecto aos profesionais da comunicación, logo do incidente ocorrido no último Pleno Extraordinario no que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, increpou ao fotógrafo Xesús Fariñas, chegando a chamalo “paparazzi”.

Este episodio, denunciado pola Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, a Asociación de Periodistas de Galicia e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, non é un caso illado, segundo apuntan as socialistas, senón que forma parte dun “patrón continuado de descualificación, abuso institucional e falta de respecto aos medios”.

A moción tamén aborda a preocupación polo conflito de intereses que supón que o alcalde, ademais de ser o máximo representante institucional, sexa propietario dun medio privado (Auria TV), substitúa as roldas de prensa por vídeos unidireccionais, bloquee preguntas e use os espazos institucionais para difundir contidos como se fosen propios.

Natalia González Benéitez, voceira do PSdeG no Concello, afirmou que “un ataque a un xornalista é un ataque á democracia e hoxe Ourense vive unha situación que xa non se pode normalizar”. Ademais, subliñou que “a cidadanía ten dereito á información veraz e plural e os e as profesionais teñen dereito a traballar sen medo, sen insultos e sen ameazas implícitas”.

Entre as medidas que propón a moción están que toda a comunicación institucional se realice a través das canles oficiais, o respecto absoluto á liberdade de prensa, o cumprimento da normativa de publicidade e comunicación institucional, a separación real entre o Concello e a actividade privada do alcalde como prestador audiovisual, e a aprobación dunha Declaración Institucional de apoio aos xornalistas.

Paralelamente, as socialistas presentaron unha queixa ante a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, solicitando un “recurso de amparo institucional” contra as restricións á liberdade de prensa e os ataques aos profesionais da información que, segundo denuncian, veñen producíndose na administración local desde fai anos.

No escrito, critican a “vulneración de dereitos fundamentais, principios democráticos e o correcto funcionamento da administración local” durante o mandato de Pérez Jácome, e lembran que “os plenos municipais son o espazo de máxima transparencia democrática” e que “non se pode permitir que se converta nun escenario de opacidade, censura e intimidación contra profesionais da comunicación e/ou membros da Corporación”.

O grupo socialista conclúe que “Ourense merece respecto e merece un alcalde que non utilice a institución para amedrentar nin para tapar a voz dos medios”.

⚙ Configurar cookies
0.075691938400269