160 nenos e nenas de Barbadás benefícianse do servizo Bos Días
O servizo Bos Días que ofrece o Concello nos dous CEIP de Barbadás a través da concellería de Educación que dirixe Marga Pérez, atende xa a un total de 160 nenos e nenas. A cifra aumentou considerablemente nos últimos anos e os monitores e monitoras atenden aos escolares de 7.30 a 9.15 horas, antes de que os colexios abran as súas portas e para axudar a aquelas familias nas que os proxenitores comezan a traballar antes de que comece o horario escolar.
Dende o Concello fan fincapé en Barbadás suma, a día de hoxe, 11.338 habitantes, preto de 200 máis que a finais do 2023, o número máis alto dende que se rexistran no Instituto Nacional de Estatística, e sinalan que "este dato non sería unha realidade sen o esforzo do goberno local por implantar políticas sociais e para favorecer a conciliación das familias".
Marga Pérez subliña a importancia de ofrecer facilidades aos pais e nais “para que poidan compaxinar a vida laboral e persoal, para que a natalidade aumente e moitas familias sigan escollendo Barbadás para vivir”.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, explica que a intención do goberno local “é seguir prestando servizos de conciliación a todos os veciños e veciñas que o precisen” e recalca que no de Bos Días se atenderon todas as solicitudes. Tamén asegura que no Concello, ademais deste traballo a prol da conciliación, organízanse múltiples actividades para a formación dos nenos e nenas.
Muda Escolar e Actividades Lúdicas
Outro dos servizos que favorece a conciliación e no que Barbadás é pioneiro e o de Muda Escolar, que se ofrece nos dous CEIP de forma gratuíta polo persoal do Concello e evita que os pais e nais teñan que desprazarse dende o seu posto de traballo para cambiar aos escolares.
Ademais, as actividades lúdicas que ofrece o Concello de Barbadás en horario de 15.30 a 16.30 horas nos centros escolares "tamén son de gran axuda para as familias que teñen que deixar aos nenos e nenas no comedor e non poden recollelos cando este servizo remata". Os cativos e cativas realizan actividades como teatro ou xadrez, entre outras propostas.
"O Concello, a través deste servizos, favorece que moitas familias poidan conciliar e que cada vez sexan máis as que elixen Barbadás para residir", insisten desde o organismo municipal.