O Sindicato Labrego organiza en Celanova unha xornada de formación apícola

OurenseXa
A actividade ‘Cría e selección de nais’, será impartida este sábado polo apicultor francés Gilles Fert no Auditorio Municipal Ilduara
abellas-apicultura
11 Apr 2025

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) levarán adiante mañá, sábado 12 de abril, a xornada de formación apícola ‘Cría e selección de nais’, que será impartida polo apicultor francés Gilles Fert, coa colaboración da asociación apícola Abellas Nais e o Concello de Celanova.

Gilles Fert, recoñecido internacionalmente pola súa traxectoria na recuperación de abellas raíña, é licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade de Burdeos e apicultor dende o ano 2015. Xestiona unha granxa apícola familiar en Béarn. Fert leva máis de corenta anos criando e seleccionando raíñas, é autor de múltiples publicacións e participa en programas internacionais de formación en apicultura e conservación de abellas. Na súa faceta como docente ten impartido xa varias formacións na Galiza, con importante participación nas mesmas, sendo considerado un referente na materia.

“No Sindicato Labrego Galego temos claro que a apicultura é un sector esencial para a produción de alimentos e a biodiversidade en xeral, estamos moi ilusionadas coa realización desta xornada”, reivindica Brais Álvarez, apicultor e integrante da Executiva Nacional do SLG. “Existe ademais un interese crecente pola incorporación a esta actividade no noso país, que demandamos sexa acompañado por parte da Administración con medidas de protección dos polinizadores e un apoio decidido pola calidade do mel, un alimento con destacados aportes para a saúde humana e unha actividade produtiva con importantes beneficios medioambientais”.

Neste senso, abonda Álvarez, unha cuestión imprescindible é “frear o acordo de liberalización comercial entre a UE e o MERCOSUR”, xa que, sinala, “de ser aprobado tal e como está definido neste momento, a entrada de 45.000tm. de mel a baixo prezo ameaza con esmagar ás produtoras dos estados membro”.

A xornada ‘Cría e selección de nais’ terá lugar de 10.30 a 13.30 horas e de 15.30 a 17.30 horas no Auditorio Municipal Ilduara, en Celanova, e conta xa con preto de cen persoas inscritas, inda que dende a organización explican que estará aberta ao público en xeral.
Inda que xa hai case un cento de persoas inscritas, quedan prazas dispoñíbeis para asistir a esta xornada informativa, aberta tamén ao público en xeral.

⚙ Configurar cookies
0.14899396896362