O Teatro Principal arranca o mes de febreiro con seis propostas culturais
O Teatro Principal de Ourense arranca este mesmo sábado a súa programación para o mes de febreiro, e o fará cun concerto de Mastodonte. Coa súa xira “Belleza y Perdón”, fará unha viaxe polos temas do seu último disco neste novo directo, usando o contacto físico co público para que a súa mensaxe poida brillar máis e a súa enerxía sacuda os corazóns.
“Burro” será a proposta teatral para o día 9, pola que o seu protagonista, Carlos Hipólito, recibiu o Premio ao Mellor Intérprete no Festival de Teatro Clásico de Cáceres (2024), así como o Premio Teatro de Rojas Mellor Autor 2024 (Álvaro Tato). AY Teatro presenta unha traxicomedia con música en directo inspirada nas obras mestras da literatura, protagonizada por un dos actores esenciais da historia do teatro español.
Un concerto de “La habitación roja” será a proposta para o 14 de febreiro. É un grupo de pop-rock indie español, orixinario da localidade valenciana da Eliana, construído e practicado cunha mestura de entusiasmo e profesionalidade que os fai únicos, por singulares e por lonxevos.
“En mitad de tanto fuego” será a obra prevista o 15 de febreiro, unha montaxe que nos achega a unha obra fundamental da literatura clásica grega, “A Ilíada”. O 22 de febreiro, o proxecto teatral “Non pasarán” xorde como unha resposta creativa e comprometida ante os desafíos políticos e sociais do noso tempo, buscando non só entreter ao público, senón tamén desafiar as súas percepcións, estimular a súa imaxinación e mover os seus corazóns. Por último, a ópera “Rigoletto” pechará as propostas do mes que vén o vindeiro 23 de febreiro.