O vindeiro 14 de maio levarase a cabo un simulacro de incendio forestal en Ourense e Pereiro de Aguiar

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron este mércores na Reunión de Coordinación Provincial en Incendios Forestais de Ourense. Este encontro celébrase todos os anos antes do comezo da campaña de alto risco, co obxectivo de deseñar actuacións conxuntas entre a Xunta, o Goberno central e a Administración local en materia de prevención e loita contra os lumes forestais en Situación 2.
Nos incendios forestais declarados de Situación 2 son moitos os organismos, pertencentes a diferentes administracións publicas, implicados na súa resolución: axentes da Unidade da Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF), Protección Civil e outros servizos de emerxencias municipais, Bombeiros, Garda Civil, Policía Nacional, 061 ou persoal da Subdelegación do Goberno. A coordinación nestes supostos é esencial para evitar a perda de vidas humanas e salvagardar, no posible, as vivendas e inmobles da cidadanía.
Santiago Villanueva puxo en valor a disposición e o excelente clima de colaboración entre todas administracións e organismos participantes.
O vindeiro 14 de maio está programado un simulacro de incendio forestal de Situación 2, que afecta áreas próximas a núcleos de poboación e infraestruturas críticas nos concellos de Pereiro de Aguiar e Ourense, co obxectivo de avaliar a capacidade de resposta operativa e de coordinación interadministrativa.
O simulacro enmárcase dentro das accións de mantemento da operatividade do Plan especial de Protección Civil fronte a incendios forestais (Peifoga) e do Plan de defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga).