O viveiro industrial de Vilamarín benefíciase de axudas da Xunta
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde, Amador Vázquez, visitou o viveiro industrial de Vilamarín, un dos tres concellos da provincia beneficiarios, xunto co Carballiño e a Veiga, da nova liña de axudas da Xunta.
Esta axuda está destinada á mellora de viveiros industriais nos parques empresariais galegos; que suman cinco municipios na totalidade de Galicia, con Bóveda e A Lama, por un importe total de 350.000 euros.
O delegado territorial destacou que a Xunta destinou desde 2016 máis de 5 millóns de euros para a creación e mellora de viveiros industriais nos parques empresariais de Galicia.
Manuel Pardo explicou que a través destas axudas, que na convocatoria deste ano 2024 estivo dotada con 1,5 millóns de euros, o Goberno galego apoia a creación de novos viveiros e a mellora daqueles que xa están operativos en Galicia a través de actuacións de reforma ou de dotación de equipamentos e infraestruturas.
Trátase de xerar as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e consolidación de empresas nas súas primeiras etapas.