Os doentes de Covid Persistente mobilizáronse fronte ao CHUO para pedir o mantenmento da Unidade Multidisciplinar Post-Covid

OurenseXa
Denuncian o “abandono” do Sergas, mentres que dende Sanidade aseguran que a continuidade asistencial de todos os pacientes galegos con síndrome post-covid queda “garantida”
mobilizaciones-covid-persistente-chuo
Mobilización dos pacientes con Covid persistente fronte ao CHUO
10 Apr 2025

Os doentes de Covid Persistente en Ourense mobilizáronse esta mañá fronte ao CHUO para pedir o mantenmento e reforzo da Unidade Multidisciplinar Post-Covid.

O BNG sumouse a estas mobilizacións para esixir que se continúe a dar este servizo xa que, sinalan “está o reto da atención a todas aquelas persoas que sofren o que popularmente coñecemos como Covid persistente” e engaden, “falamos de doentes que sofren de fatiga, dificultade para respirar ou disfuncións cognitivas e que xeralmente teñen un impacto no funcionamento diario e na calidade de vida destas persoas”.

Noa Presas, deputada do BNG por Ourense, quen participou esta mañá xunto o Portavoz municipal Luís Seara e a Concelleira Erea Blanco na concentración, sinala que “esta Unidade Multidisciplinar atendía as persoas que quedaron con secuelas graves na fase aguda das primeiras ondas da pandemia e tamén a aquelas diagnosticadas de Covid Persistente”.
Porén, denuncian “no 2024, a Xerencia comezou o seu desmantelamento ao non cubrir baixas e agora pretende culminar co peche, desta forma o Sergas abandona definitivamente aos centos de pacientes vítimas da Covid para unha poboación de máis de 300.000 persoas se temos en conta as derivacións dos hospitais comarcais ao centro de referencia”.

Para Noa Presas “as desculpas emitidas pola Xerencia e que pasan por dicir que presuntamente as persoas afectadas terán unha enfermeira de referencia que os atenderá coordinadamente con facultativos da unidade de enfermidades infecciosas e que se van manter terapias grupais, non resolven os problemas e necesidades e é necesario maior transparencia e compromiso para asegurar unha boa atención sen esperas e por equipos que poidan traballar de forma coordinada e integral tendo en conta a complexidade da realidade destes doentes”.

Diante desta situación, desde a formación nacionalista anuncian que veñen de rexistrar varias iniciativas Parlamentarias encamiñadas a que a Xunta de Galiza “garanta unha atención rápida, integral e multidisciplinar para as e os doentes de Covid persistente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras de forma que permita o diagnóstico e o acompañamento e tratamento do seu proceso de recuperación, para o que pedimos consensúe co persoal sanitario e cos colectivos de doentes calquera reorganización do servizo que viña prestando a unidade específica, dando prevalencia ao seu mantemento e non suprimindo persoal nin servizos”.

O Sergas afirma que garante a continuidade asistencial de todos os pacientes galegos con síndrome post-covid

O Sergas, pola súa banda, asegura que na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras os pacientes con Covid persistente continúan a ser atendidos pola Unidade de Enfermidades Infecciosas, pertencente ao Servizo de Medicina Interna. Explican que “contan cunha enfermeira de referencia que os atende coordinadamente cos facultativos da unidade, o que permite valorar individualizadamente cada caso, realizar o seu seguemento ou derivalos a outros servizos en función da sintomatoloxía: pneumoloxía, neuroloxía, rehabilitación, atención primaria, etc.”. Igualmente, din mantéñense as terapias grupais e o contacto coa asociación de pacientes.

O Sergas afirma que a continuidade asistencial de todos os pacientes galegos que a día de hoxe sofren o síndrome post-covid nas sete áreas sanitarias está garantida, pero explican que “debido ao significativo descenso no número de pacientes nas unidades post-covid (de 12.104 atencións en 2022 a 1.302 consultas en 2024) as áreas sanitarias e os profesionais das unidades reorganizaron a asistencia, de forma que os pacientes sexan atendidos nos dispositivos asistenciais de Atención Primaria ou nos servizos especializados de Atención Hospitalaria, no caso de manifestar síntomas específicos dun órgano concreto e que necesite tratamento nun entorno máis especializado en función da situación clínica personalizada” .

⚙ Configurar cookies
0.071813821792603