Os fondos Next Generation deixaron 6,5 millóns de euros para investimentos en turismo sostible en Ourense
O PSdeG-PSOE de Ourense continúa co seu percorrido de campaña electoral pola provincia e hoxe fixo parada en Vilardevós, onde aproveitaron para por en valor a importancia de aproveitar os fondos europeos para apostar por iniciativas de turismo sostible. As e os socialistas destacan o “importante pulo” dado polo Goberno neste senso a través dos fondos Next Generation que deixaron 6,5 millóns de euros na provincia para investimentos.
A candidata do PSdeG-PSOE de Ourense, Lorena Guerra Vigo, visitou Vilardevós, onde foi recibida pola alcaldesa, Eva Pérez Gamote, pola deputada provincial, Marina Vaz, e por outros cargos orgánicos do partido a nivel local e provincial. Durante o encontro analizaron polo miúdo o proxecto do actual goberno socialista da localidade para a construción dun parque de auto caravanas sostible. Un proxecto para o que se solicitarán fondos europeos.
Guerra e Gamote fixeron fincapé na “necesidade de que os concellos aposten polo turismo sostible” e no caso concreto de Vilardevós expuxeron varios temas de vital importancia como o xa mencionado parque de auto caravanas, a inclusión dunha variante da Vía da Prata, ou o desenvolvemento de infraestruturas que permitan a práctica deportiva na natureza. “Todos estes proxectos poden contar con axudas europeas gracias a labor do PSOE en Europa”, salientaron as e os socialistas.
“O PSOE aposta pola provincia e polo turismo sostible con plans para a mellora de infraestruturas e a creación de novas instalacións nos concellos da provincia a través dos fondos Next Generation”, salientou a candidata socialista. Guerra Vigo tamén fixo fincapé en que estes fondos chegados dende Europa “van permitir desenvolver un novo modelo de turismo sostible, adaptado as necesidades e demandas dos viaxeiros, diversificando a oferta turística e dando un maior posicionamento á provincia”.
Reunión de traballo co grupo municipal socialista
A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense realizou durante a xornada electoral de hoxe un encontro de traballo con respresentantes do grupo municipal socialista para analizar con detalle posibles mocións que teñan repercusión europea, así como o posible financiamento a través dos fondos europeos de infraestruturas e políticas relacionadas co termalismo ou a labor social”.
Durante o encontro subliñaron a “importancia” de que a cidade aposte por acadar o “maior número posible de fondos europeos” e explicaron “a importancia de traballar dende o consistorio na redacción de proxectos que permitan mellorar a calidade de vida da cidadanía”.
Neste día de campaña electoral, o PSdeG-PSOE de Ourense aproveitou para realizar un reparto informativo polo mercado de Abastos, no que as e os socialistas conversaron coa veciñanza para explicarlles o seu proxecto dende Europa e analizar polo miúdo a necesidade de votar ao PSOE para seguir avanzando e non retroceder.